O alumnado de Ribadumia deixa a súa pegada polos dereitos da infancia

O Salnés
21 de novembro 2023

O alumnado de sexto de primaria do CPI Julia Becerra Malvar cobrou protagonismo coa lectura dun manifesto sobre a importancia de protexer e promover os dereitos e o benestar dos nenos e nenas de todo o mundo. Os escolares, o equipo de goberno e os traballadores municipais firmaron no mural exposto na porta do Concello a través de pegadas de cor azul  

Acto polo Día Mundial da Infancia en Ribadumia Concello de Ribadumia

O Concello de Ribadumia sumouse este luns, como cada 20 de novembro, á conmemoración do o Día Mundial da Infancia nun acto no que o alumnado de sexto de primaria do CPI Julia Becerra Malvar cobrou protagonismo.

Os escolares reuníronse fronte á Casa Consistorial acompañados por parte do profesorado e lideraron a lectura dun manifesto sobre a importancia de protexer e promover os dereitos e o benestar dos nenos e nenas de todo o mundo. 

Con este manifesto, fixeron unha chamada á acción para garantir que os dereitos dos nenos e nenas sexan respectados e protexidos, consolidando así o papel activo do municipio na promoción dun futuro máis brillante e equitativo para os máis novos de Ribadumia. 

A continuación, o alumnado, o equipo de goberno e os traballadores municipais firmaron no mural exposto na porta do Concello a través de pegadas de cor azul (cor representativa do Día Mundial da Infancia). 

O Concello de Ribadumia lembra que este acto non só simboliza o "forte compromiso" do municipio coas xeracións futuras, senón que tamén "destaca a estreita colaboración entre o ámbito educativo e municipal para crear un entorno propicio onde cada neno ou nena poida crecer e acadar o seu máximo potencial".