O antigo edificio xudicial da Parda, obxecto dunha mellora valorada en máis de 221.700 euros

Pontevedra
22 de marzo 2023

O director xeral de Xustiza mantivo este mércores un encontro coa xuíza decana de Pontevedra, Belén Rubido; o secretario coordinador provincial de Pontevedra, José Miguel Formoso Sobrado; e a subdirectora do Imelga en Pontevedra, Beatriz Otero

Reunión de José Tronchoni con representantes da Administración de Xustiza de Pontevedra Xunta de Galicia

O antigo edificio xudicial da Parda será obxecto finalmente dunha serie de actuacións de mellora pendentes desde a inauguración dos xulgados novos. Trátase dunha serie de obras que todo o persoal de Xustiza leva anos demandando e que a Xunta de Galicia vai sacar a licitación por máis de 221.700 euros

As actuacións van mellorar os espazos que ocupan a subdirección do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga), o decanato, o xulgado de garda, o servizo de seguridade e os despachos dos sindicatos. Ademais, inclúen o pintado de parámetros interiores e das escaleiras de emerxencia.

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, mantivo este mércores un encontro con representantes da Administración de Xustiza de Pontevedra para trasladarlles as medidas de acondicionamento previstas. Á reunión acudiron a xuíza decana de Pontevedra, Belén Rubido; o secretario coordinador provincial de Pontevedra, José Miguel Formoso Sobrado; e a subdirectora do Imelga en Pontevedra, Beatriz Otero

Entre os traballos previstos destacan a instalación de tomas de voz e datos e de paneis led nestas instalación ou o incremento nos sistemas de protección e medidas de seguridade.

No caso do Imelga renovaranse os aseos e instalarase un termo eléctrico.

No xulgado de garda renovarase a climatización cunha nova bomba de calor e reformarase o espazo.

No decanato destaca a substitución da carpintería interior de aluminio, incluído o acristalamento do mostrador. 

Desde a inauguración en 2019 do novo edificio xudicial, o inmoble antigo está destinado á xurisdicción penal, a Fiscalía Provincial e o Imelga.