O aparcadoiro de autocaravanas no paseo da Calzada, a falta dos últimos detalles para a súa apertura

Ponte Caldelas
23 de abril 2021

O goberno local lembra que as autocaravanas poderán estacionar neste espazo durante un máximo de 72 horas e terán á súa disposición unha zona para baleirar os depósitos na instalación xa dispoñible Chan da Barcia

Aparcadoiro para autocaravanas no Paseo da Calzada Concello de Ponte Caldelas

Está previsto que nos próximos días comece a funcionar o aparcamento de autocaravanas situado no Paseo da Calzada. Segundo o goberno local están a acometerse os últimos detalles para que poida entrar en funcionamento en moi breve prazo de tempo.

Este espazo atópase situado nas proximidades da praia fluvial, a única con bandeira azul de toda España. Con esta nova instalación, o alcalde Andrés Díaz afirma que se está facendo unha aposta para a chegada de turismo de calidade ao municipio. 

Neste espazo, os visitantes poderán durmir e gozar dunha zona natural, ao mesmo tempo que poden contar con todos os servizos do centro urbano. A intención do goberno local é que estes turistas realicen compras no comercio da vila e consuman nos establecementos hostaleiros. 

Díaz asegura que o turismo de autocaravanas é de calidade e cun perfil familiar, ademais de ser respectuoso co medio ambiente e que busca lugares de tranquilidade. 

Segundo a normativa, as autocaravanas poderán estacionar na zona habilitada do Paseo da Calzada durante un máximo de 72 horas e poderán realizar o baleirado dos depósitos na instalación que se atopa en Chan da Barcia. Estes visitantes tamén poderán facer uso dos aseos gratuítos situados no "chiringuito" da praia fluvial.