Difícil non lembrar nalgún momento os cheiros das casas das nosas avoas, a atmósfera familiar e acolledora dos seus doces e receitas. Lembralo é sentir na casa e ter bos recordos e agora o Concello de Pontevedra quere recompilar esas receitas das avoas de todas e todos para elaborar o recetario ancestral da cidade.
Será un dos obxectivos do Avoa Fest, un evento integrado no proxecto Pontevedra Capital Gastro co que se pretende homenaxear ás mulleres que gardaron a nosa memoria gastronómica, as avoas. A súa primeira edición inaugurouse este venres na praza da Peregrina e inclúe programación ata o 26 de setembro.
A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, protagonizou o acto inaugural ás portas do Bosque da Memoria, un espazo verde creado na Peregrina para a ocasión co obxectivo de propiciar a reflexión e a lembranza das avoas, "das que xa non están, pero tamén para a das que aínda podemos desfrutar e aprender delas", sinalou a edil. .
Despois deste acto inaugural, o bosque da memoria está xa cheo de nomes das avoas, que as persoas que pasan pola praza poden colgar. Ademais, inclúe unha caixa de correo na que se poden deixar as receitas tradicionais e familiares das persoas que así o desexen e con todas as recibidas elaborarase ese recetario ancestral da cidade.
A propia concelleira pendurou das árbores do bosque as imaxes das súas avoas Adelina Laredo e Gloria Fernández e depositou na caixa de correo unha receita familiar dun mousse de mexillóns.
Yoya Blanco insistiu en que "este Avoa Fest é algo máis que un evento gastronómico" e, desta maneira, "a nosa intención é recordar as nosas avoas, polas en valor, esas receitas tradicionais, porque ás veces son as silenciadas". Unha homenaxe que, ademais, este ano ve moito máis importante. "Este era o momento, este ano tan complicado para unha xeración enteira", insistiu a concelleira durante a inauguración.
Para poñelas en valor tamén servirá o vídeo elaborado para o evento, protagonizado por Carmen Balea, Mucha; e a actividade programada para este sábado, o Desafío Filloa, no que a partir das seis da tarde catro avoas e os seu netos cociñarán filloas en directo na Alameda.
O Avoa Fest tamén ten un apartado de apoio á hostalería e desde este venres ata o 26 de setembro, 26 negocios da cidade participan nun Roteiro de Sobremesas.
O acto inaugural estivo cargado de emoción e incluíu tamén a lectura dunha carta para Lola, a avoa dunha das integrantes do equipo do PSOE no Concello de Pontevedra, falecida hai menos dun ano; e unha performance no Bosque da Memoria, a Fada da Memoria.