O berro "Lumes Nunca Máis" escóitase simultaneamente nas sete cidades galegas

Pontevedra
21 de xullo 2022

En Pontevedra, membros da plataforma "Por un monte galego con futuro", integrada por máis de 50 asociacións, colectivos ecoloxistas, culturais, sindicais e produtores rurais, concentráronse ante a Delegación da Xunta de Galicia "para esixir medidas ante a actual vaga de lumes"

Concentración 'Lumes nunca máis' ante a sede da Xunta en Campolongo Mónica Patxot

Membros da plataforma "Por un monte galego con futuro", integrada por máis de 50 asociacións, colectivos ecoloxistas, culturais, sindicais e produtores rurais, concentráronse na tarde deste xoves 21 de xullo ante a Delegación da Xunta de Galicia en Pontevedra "para manifestar a súa indignación e esixir medidas á Xunta ante a actual vaga de lumes", segundo informaban.

Con esta acción, tamén queren amosar o total apoio á veciñanza afectada e aos colectivos dos profesionais que traballan na prevención e extinción dos lumes, así como "o rexeitamento á suicida política forestal da Xunta", declaran nun comunicado.

Ademais, en resposta á vaga de incendios que "está a devastar as máis emblemáticas xoias ecolóxicas de Galiza", as entidades convocantes reclamaron a declaración de "zona catastrófica" das áreas atinxidas polos lumes.

Así mesmo, solicitaron accións inmediatas para evitar a erosión destes solos de extraordinaria importancia e procurar o antes posible a súa restauración; o reforzo especial dos dispositivos de prevención e extinción nos espazos naturais de maior valor ecolóxico e ambiental de Galicia, agora e durante todo o ano; e o impulso decidido de políticas estruturais que preserven a biodiversidade natural, restauren os ecosistemas danados e recuperen os usos tradicionais e multifuncionais dos montes e que contribúen a fixar poboación no rural e a afastar os lumes, entre outras reivindicacións que se leron nun manifesto conxunto.

As concentracións, ao berro de "Lumes Nunca Máis", foron convocadas simultaneamente nas sete cidades galegas: Pontevedra, Vigo, A Coruña, Santiago de Compostela, Ferrol, Ourense e Lugo.