O Pleno do Concello de Pontevedra celebrado este luns deixou patente a debilidade na que se atopa o Goberno local do BNG que viu como a pinza formada polos dous grupos da oposición, Partido Popular e Partido Socialista, impuxo algunhas medidas fronte ás que os nacionalistas están radicalmente en contra como son a reapertura ao tráfico da avenida Reina Vitoria ou a substitución dos lombos nas vías sanitarias.
Con todo, o PSOE votou a favor e o PP en contra da modificación de crédito próxima aos 7 millóns de euros que se fará con cargo aos remanentes de tesourería.
"Imos ter un mandato entretido, esperemos que divertido", apuntou o concelleiro nacionalista, César Mosquera que asegurou que con esta actitude "o PSOE ten decidido non facer un goberno de coalición" polo que aventurou que este mandato "probablemente vaia a moción de censura".
O portavoz do grupo municipal socialista, Iván Puentes, rexeitou que aspire a "converter nunha relación de Pimpinela" os plenos, as negociacións co Bloque, "nin o futuro goberno de coalición se se dese o caso".
Iván Puentes criticou que, desde que o PSOE "con toda a xenerosidade do mundo" apoiou a investidura de Miguel Anxo Fernández Lores como alcalde de Pontevedra, o goberno local do BNG dedicouse a "poñerlle fin a practicamente todas as iniciativas que o Partido Socialista desenvolveu nas súas concellerías nos últimos anos" en referencia aos proxectos da estratexia Pontevedra Flúe ou á retirada da feira da Alameda, entre outras iniciativas.
Ademais Puentes censurou a "violencia verbal" que, ao seu xuízo, mostrou Mosquera coa súa intervención e con respecto ás negociacións cos nacionalistas para formar goberno, Iván Puentes dixo que "por nós, evidentemente seguen abertas, pero se o BNG quere poñerlle fin que nolo comunique directamente" á vez que advertiu de que, se non hai pacto "faremos o que se fixo neste pleno, garantir a gobernabilidade e chegar a entendementos para sacar adiante aqueles temas que consideramos oportunos e discrepar do grupo de goberno naquelas cuestións nas que non estamos de acordo".
O portavoz do grupo municipal do Partido Popular, Rafa Domínguez animou ao PSOE a "que esta posición que traen aquí al pleno de Pontevedra, entren o no entren en el gobierno, la mantengan"
No que si coincidiron os concelleiros do PP e os do BNG foi en rexeitar a proposta dos socialistas na que instaban a contratar con urxencia a redacción dos proxectos de execución da estratexia Pontevedra flúe "para evitar que a cidade perda o investimento de 25 millóns de euros".
Populares e nacionalistas lembraron que non existe ningún compromiso asinado de investimento na cidade por parte do Goberno de España e que isto é un "Pontevedra bluf" e que o Concello non pode contratar ningunha obra en terreos nos que non ten a titularidade.
Seguindo o desenvolvemento da sesión plenaria estaban no patio de butacas do Teatro Principal a habitual representación dos traballadores municipais que reclama unha serie de melloras laborais e tamén unha decena de vendedores ambulantes que esixen que a feira se instale definitivamente na Alameda.
O alcalde chamou a atención a un dos portavoces dos ambulantes, José Luis Muíños que interrompeu constantemente o pleno con insultos dirixidos ao rexedor e ao concelleiro César Mosquera. "Estás chocho, Miguel", "Xa está senil" ou "Franquistas" gritaron os ambulantes.
Esta polémica do traslado da feira ocupou parte dos rogos e preguntas, quenda na que a concelleira socialista Yoya Blanco pediu explicacións sobre o motivo polo que non se contemplou Campolongo como localización alternativa á Alameda; tamén quixo saber por que non se convocou á Mesa do Comercio para opinar sobre este traslado; como se vai a compatibilizar a celebración da feira na avenida de Buenos Aires coa final das Series Mundiais de Tríatlon, ou por que non houbo feira o pasado sábado na Alameda se non había ningún evento.
O único momento sosegado do pleno foi a toma de posesión de Aroa Otero como nova concelleira do PP en substitución de Pablo Fernández.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.