O deputado do BNG por Pontevedra, Luís Bará, presentou este xoves unha pregunta no Parlamento galego sobre a reapertura do consultorio médico de Ponte Sampaio. No seu escrito, o nacionalista pide ao executivo autonómico unha explicación sobre as razóns que levaron ao Sergas para pechar este consultorio e cando teñen previsto reabrilo.
Denuncia ademais, que esta situación obriga aos pacientes, a maioría de avanzada idade e alto risco, a ter que desprazarse ata 11 quilómetros para recibir atención médica.
Na súa pregunta, Bará fai referencia á recollida de 610 firmas realizada pola plataforma veciñal Ponte Sampaio - A Canicouva coa que esperan conseguir que o Sergas reabra o seu centro médico.
Engade o parlamentario pontevedrés que, nun momento no que se deben respectar ao máximo as medidas de confinamento domiciliario, non é razoable obrigar a toda a poboación da parroquia para desprazarse a Pontevedra para recibir atención primaria cos riscos que conleva para unha poboación envellecida expoñerse a un posible contaxio de COVID-19.