A Área Sanitaria reactivará a partir do vindeiro luns 1 de xuño a actividade de Enfermaría de Atención Primaria no consultorio da parroquia pontevedresa de Ponte Sampaio.
Nun comunicado o Sergas sinala que esta área sanitaria está adaptándose de novo ás continxencias da pandemia polo COVID-19 e recuperando a planificación asistencial segundo as recomendacións das autoridades sanitarias.
Engaden que a atención sanitaria se ve modificada pola nova situación de presencia de coronavirus, circunstancia pola que o sistema sanitario público galego ten a obriga de garantir a seguridade tanto dos pacientes que acoden ao mesmo coma a dos profesionais que o atenden.
Polo tanto, o Sergas reitera que hai que rexirse polos actuais condicionantes preventivos do estado de alarma pautados polas Autoridades Sanitarias, que condicionan a total normalización da actividade de Atención Primaria no consultorio de Ponte Sampaio, "cuxa distribución de espazos non cumpre os requisitos mínimos para desenvolver a actividade asistencial sen minimizar riscos para pacientes e profesionais".
Neste senso, engaden que, "as características do consultorio non poden facilitar a habilitación de dobres circuitos, ou contar cunha sala de illamento nin dispor da posibilidade de efectuar triaxe á entrada de dito centro".
Dados estes condicionantes, a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés mantén de xeito provisional o reagrupamento do persoal facultativo nun centro de referencia, "que se adapta con maior garantía á continxencia da Covid-19".
PLAN PROVISIONAL FLEXIBLE E REVERSIBLE
A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés reitera que o seu plan de reanudación asistencial en Atención Primaria continúa a ser "provisional, flexible e reversible" en función da evolución da pandemia e sempre con garantías de seguridade para pacientes e profesionais en Ponte Sampaio.
Complementariamente, escalonaranse as citas para atención de Enfermaría de Atención Primaria, de xeito que se evite a acumulación de pacientes no consultorio, ao tempo que se manterá a distancia de seguridade durante a estadía dos usuarios.
Lémbrase tamén que os pacientes acudirán previa consulta telefónica co profesional e aconséllase acudir coa correspondente mascarilla cirúrxica. Estas iniciativas pretenden adaptarse á situación epidemiolóxica deste centro sanitario, dando mellor resposta ás súas necesidades.
REACCIÓN VECIÑAL
A Plataforma veciñal Ponte Sampaio-Canivouva aplaude a apertura do Centro médico de Ponte Sampaio logo da presión realizada pola veciñanza, que nun só día chegaron a recoller 610 sinaturas, a maior parte da poboación adulta que atende o consistorio, para reclamar esta reapertura.
Afirman que se manterán moi atentos a esta apertura anunciada ata coñecer en que condicións se pon en marcha, e seguen a reclamar o retorno do facultativo para completar unha atención que "nunca se debeu suspender".