O Sergas só devolverá o médico ao consultorio de Ponte Sampaio se o Concello lle cede o edificio anexo

Pontevedra
19 de xuño 2020

O Concello de Pontevedra tamén remitiu esta semana un escrito ao Sergas solicitando información técnica que avale o peche do consultorio por non cumprir as medidas sanitarias actuais e poñéndose a disposición do Sergas para buscar unha dependencia municipal na parroquia que poida substituír ao consultorio  

Centro de saúde de Ponte Sampaio
Centro de saúde de Ponte Sampaio / PontevedraViva

A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés enviou un escrito ao Concello de Pontevedra para pedirlle que poña a disposición do Servizo Galego de Saúde o edificio anexo ao consultorio da parroquia de Ponte Sampaio, dependencia que na actualidade ten uso de biblioteca e cuxa cesión leva pedindo varias semanas a asociación veciñal Héroes de Ponte Sampaio

O consultorio da parroquia pontevedresa tiña servizo de Enfermería e atención médica, pero durante a pandemia do coronavirus primeiro pechou e logo recuperou a atención de enfermería, pero segue sen facultativo. Desde o Sergas indican que coa cesión dese local anexo por parte do Concello "podería normalizarse a situación" da asistencia sanitaria de Atención Primaria nesta parroquia pontevedresa, coa presencia do facultativo de Medicina Familiar e Comunitaria e a profesional de Enfermaría.

Pola súa parte, o Concello, a través da Concellaría de Patrimonio, tamén remitiu esta semana un escrito ao Sergas solicitando información técnica que avale o peche do consultorio por non cumprir as medidas sanitarias actuais. No mesmo escrito, o departamento ponse a disposición do Sergas para, de ser o caso, buscar unha dependencia municipal na parroquia que poida substituír ao consultorio para lograr que, con carácter inmediato, poida regresar o médico á parroquia.

A concelleira de Patrimonio, Carme da Silva, explica que asistiu con sorpresa á comunicación do Sergas na que notifica ao Concello que as instalacións do centro médico non son idóneas para a súa actividade médica e asistencial. Esta sorpresa está motivada porque "a día de hoxe non se ten recibido nesta administración ningunha comunicación por parte da xerencia de que o consultorio non cumpre cos requisitos para a propagación da Covid-19".

O pasado 1 de xuño a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés recuperou a actividade de Enfermaría de Atención Primaria neste consultorio de Ponte Sampaio, adaptándose ás continxencias da pandemia pola Covid-19. Agora, poñen sobre a mesa esta alternativa dun novo local para completar dita cobertura asistencial contempla dispor doutro edificio anexo, que puidera albergar as dependencias do médico, de xeito que a parroquia contara de novo con ambos profesionais de Atención Primaria nun curto prazo de tempo, "sen poñer en risco a pacientes nin a traballadores".

O Sergas insiste en que mantivo sempre o seu compromiso de garantir a seguridade tanto dos pacientes de Ponte Sampaio coma dos profesionais dun consultorio cuxa distribución de espazos non cumpre os requisitos mínimos para desenvolver a actividade asistencial sen minimizar riscos para pacientes e profesionais. Así, lembran que o edificio non pode facilitar a habilitación de dobres circuítos, ou contar cunha sala de illamento nin dispor da posibilidade de efectuar triaxe á entrada de dito centro