Ponte Sampaio concéntrase para reclamarlle ao Sergas o retorno do médico ao consultorio da parroquia

Pontevedra
27 de xuño 2020

A plataforma veciñal de Ponte Sampaio - Canicouva considera que a negativa do Sergas ao retorno do médico a este centro só ten o propósito de pechar a instalación ocasionando un grave prexuízo á parroquia pontevedresa

Concentración veciñal en Ponte Sampaio reclamando o retorno do médico á consulta
Concentración veciñal en Ponte Sampaio reclamando o retorno do médico á consulta / Diego Torrado

Un importante número de residentes en Ponte Sampaio concentrábase na tarde deste sábado ante as portas do consultorio clínico da parroquia para reclamar ao Servizo Galego de Saúde (SERGAS) o retorno do facultativo a este centro.

A Plataforma  veciñal de Ponte Samaio - Canicouva entende que desde a Consellería de  Sanidade existe a intención de pechar a instalación causándolle un grave prexuízo á parroquia. Sinalan que este espazo clínico tivo un funcionamento normal durante os últimos anos e cando se declarou o estado de alarma, o SERGAS decidiu primeiro retirar ao médico e despois ao enfermeiro.

Desta forma, os pacientes, na súa maioría persoas de avanzada idade, tiñan que desprazarse ao centro de saúde Virxe Peregrina en Pontevedra obrigándolles ao traslado para recibir os tratamentos ou para acudir a unha consulta.

O ATS incorporouse en xuño, despois da presión veciñal e do Concello de Pontevedra, pero o SERGAS négase a que regrese o facultativo porque sinala que as instalacións incumpren a normativa en canto a espazo para que poida retomar a actividade.

Os veciños alegan que existe un Centro Cultural no que se pode instalar a consulta e reclaman a incorporación inmediata do facultativo.

O CANDIDATO DO BNG POR PONTEVEDRA ASISTE Á CONCENTRACIÓN

Ao acto de protesta da tarde deste sábado acudía o candidato do BNG pola provincia, Luís Bará, que reclama a reapertura con todos os efectivos médicos deste centro sanitario e comprometeuse a poñer en marcha un Plan de Mellora de Atención Primaria cun incremento do orzamento de 200 millóns de euros para contratar persoal.

Bará prometeu unha atención médica integral e de calidade coa reactivación do consultorio para o beneficio desta parroquia pontevedresa.