O futuro da Escola de Cantería pasa pola homologación oficial dos ensinos que se imparten no centro de Poio. Ante a falta de acordo entre as dúas administracións implicadas, o parlamentario do BNG Luís Bará solicita a creación dunha mesa de traballo entre Xunta, Deputación e a Asociación Homologar Canteiros Poio para tomar as decisións necesarias que garantan o futuro da escola.
Ao ente provincial, Bará pídelle que leve a cabo a mellora das instalacións e a consecución do certificado de formación profesional para o emprego. Tamén demanda á Xunta que xestione ante o Goberno central a creación dunha titulación de FP de cantería e, finalmente, que lla transfiran a Consellería de Educación
O nacionalista lamenta a actitude do Partido Popular ante esta problemática. "O PP di unha cousa na Deputación e a contraria no Parlamento Galego. No pleno da Deputación do pasado 4 de marzo votou a favor de solicitar á Xunta que xestione a homologación dos estudos e no pleno do Parlamento do pasado 26 de xuño votou ou contrario”, critica Bará.
Para o Bloque, o veto do PP e a Xunta a buscar unha saída é unha decisión moi grave que pode supoñer unha sentenza de morte para a Escola de Cantería cando se cumpren 40 anos da súa creación. Nestes momentos o centro conta só con 11 alumnos e mentres non se resolva a cuestión, o centro avanza cara á súa desaparición.
A única saída para a escola pasa pola homologación dos seus estudos como unha titulación de FP de grao medio e grao superior e que o centro sexa xestionado directamente pola Consellería de Educación, esixen desde o BNG. Finalmente, reclama Bará a ambas as administracións que superen esa fase de confrontación para abrir unha etapa de cooperacion, que é a única vía para resolver problemas como o da Escola de Cantería.