O BNG pide nunha proposición non de lei a suspensión do parque eólico do monte Castrove

Pontevedra
17 de setembro 2021

O deputado do BNG no Parlamento de Galicia, Luís Bará, alerta das fortes afeccións territoriais, ambientais, sobre o patrimonio cultural e sobre os recursos hídricos

Concentración do BNG no monte Castrove
Concentración do BNG no monte Castrove / BNG

O grupo parlamentario do Bloque Nacionalista Galego traslada á Cámara autonómica a problemática relacionada co proxecto de parque eólico no monte Castrove.

A través dunha proposición non de lei solicita que a Xunta aplique "o principio de precaución e suspender a tramitación do parque eólico previsto no monte Castrove" polo impacto no patrimonio natural, cultural e poboacional da contorna.

No texto da proposición presentada polo BNG engádese a demanda do desenvolvemento dunha "nova planificación sectorial eólica baseada na participación pública e  das persoas propietarias do solo, na sustentabilidade e na xustiza enerxética, e na protección dos recursos hídricos e dos valores naturais e culturais do territorio", así como o encargo a investigadores das universidades galegas dun "estudo sobre os bens naturais, paisaxísticos, arqueolóxicos e sociais do monte Castrove" que permita tomar as medidas necesarias para evitar a súa degradación.

No último punto da proposición non de lei exponse que a partir do estudo debe desenvolverse "en colaboración cos concellos e coas entidades veciñais un proxecto de protección, conservación, promoción e dinamización dos valores culturais, ambientais, sociais e turísticos do monte Castrove".

Neste sentido, o deputado do BNG no Parlamento de Galicia, Luís Bará, alerta das fortes afeccións territoriais, ambientais, sobre o patrimonio cultural e sobre os recursos hídricos.

ESTADO DO PARQUE EÓLICO NO MONTE CASTROVE

O BNG lembra no argumentario que acompaña á proposición non de lei o punto no que se atopa o proxecto de parque eólico no monte Castrove. Neste momento encóntrase en fase de tramitación, polo que a intención dos nacionalistas é que se proceda á suspensión do mesmo, toda vez que non comezaron unhas obras que transformarían radicalmente esta contorna, con 4 aeroxeradores de 6 MW e unha subestación de transformación.

Para o BNG trátase dun proxecto de industrialización do monte, que abrangue a tres concellos, Poio, Pontevedra e Meis, e que afecta a 600 hectáreas, susceptibles de ampliación no espazo da Área de Desenvolvemento Eólico do Castrove e a súa zona de influencia. Esta previsible segunda fase provocaría un impacto maior, ao sumarse novos municipios e núcleos poboacionais dos concellos de Barro, Meis, Poio e Pontevedra.

Ademais, únese a consecuente construción de novos viais, excavacións profundas para fixar os aeroxeneradores, movementos de terras e explanacións do terreo que provocarán un forte impacto nos recursos hídricos da zona.

Arquivado en