A sanidade e, en concreto, a atención primaria, será durante as vindeiras semanas unha das liñas prioritarias de traballo do BNG de cara a este novo curso político e, dentro da "situación de colapso" que ven en toda Galicia, consideran que a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés é a "zona cero".
O deputado pontevedrés do BNG no Parlamento de Galicia, Luís Bará, presentou este martes en Pontevedra as liñas prioritarias de traballo do BNG de cara ás vindeiras semanas insistindo no "contexto excepcional" de grave crise que se está agravando nas últimas semanas, unha crise tripla, económica, social e ecolóxica.
Bará criticou que, diante desta situación de crise, "Galicia está desamparada" porque "non ten Goberno", tan só un Executivo autonómico "paralizado" e "máis preocupado" por Madrid e pola campaña do ex presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, para chegar á Moncloa que pola situación da comunidade.
Ademais, considera que o mandatario autonómico, Alfonso Rueda, é "un presidente accidental" máis preocupado pola súa campaña de imaxe persoal por aparicións públicas en bicicleta ou en moto que por gobernar Galicia. Para Bará, "chega o momento de baixar da moto e poñerse a gobernar o país".
Fronte a esta parálise que ven no Goberno autonómico, os nacionalistas realizan propostas alternativas, un plan de medidas urxentes de choque con varias liñas de traballo entre as que destaca a citada da sanidade. En concreto, propón un reforzo dos servizos públicos esenciais, como a sanidade, a educación e os coidados.
Ven "especialmente necesario" fortalecer o servizo de sanidade pública, fundamentalmente a atención primaria, e Bará anunciou que este mércores a líder nacional do BNG, Ana Pontón, visitará Pontevedra para falar desta situación.
O plan de choque proposto tamén recolle un plan de rescate das persoas vulnerables, pois en Galicia hai máis de 675.000 persoas en risco de exclusión social, case unha cuarta parte da poboación galega, e considera que serían positivas medidas como manter a tarxeta básica, que foi moi útil no seu momento e agora a a Xunta suprimiu; ou manter o incremento de 100 euros do complemento autonómico para as pensións non contributivas. Este plan proposto estaría dotado de 110 millóns de euros.
Outra proposta de medida está centrada en axudar a sectores estratéxicos como o mar, a industria, o sector agrogandeiro ou os servizos. Estaría dotado de 175 millóns euros, que se financiarían con cargo a partidas non executadas do orzamento autonómico de 2022 e tamén con cargo aos orzamentos de 2023.
Tamén propoñen un fondo extraordinario de apoio aos concellos de 50 millóns ou un fondo extraordinario de investimentos públicos en obras en materias como enerxía ou auga de 300 millóns.
De cara a este novo curso político 2022-2023, marcado polas eleccións municipais de 2023, desde o BNG lembran a Alfonso Rueda a necesidade de prestar atención a demandas históricas de Pontevedra como o saneamento da ría, a dragaxe do río Lérez ou investimentos pendentes en materia de mobilidade.
A preguntas da prensa, Luís Bará tamén recoñeceu que a empresa Ence e a súa permanencia na Ría de Pontevedra está "na axenda" do BNG. Sobre estes deberes que lle poñen a Rueda, insiste en que é "indiferente" que o presidente sexa de Pontevedra, pois fose ou non da cidade, faríanlle as mesmas peticións.