O cambio de sentido en Ribeira dos Peiraos e dos Gafos completará a reordenación de tráfico en Palamios

Pontevedra
12 de xuño 2022

O Concello instalará nos próximos días a sinalización horizontal e vertical nas rúas Ribeira dos Peiraos e Ribeira dos Gafos que cambiarán de sentido, sendo a primeira de saída e a segunda de entrada ao barrio, para tratar de reducir o tráfico de paso que circula pola rúa Palamios para entrar na cidade. A medida entrará en vigor o venres día 17

Rúa Ribeira dos Peiraos, na desembocadura do río Gafos
Rúa Ribeira dos Peiraos, na desembocadura do río Gafos / Cristina Saiz

A reordenación de tráfico en Palamios será completa a partir do próximo venres 17 de xuño.

Así o confirmou o Concello de Pontevedra, ao ser a data prevista na que cambiarán de sentido de circulación as rúas Ribeira dos Peiraos e Ribeira dos Gafos, pasando a primeira delas a ser de saída do barrio e a segunda de entrada.

O departamento de Mobilidade do goberno local pretende con esta medida reducir o incremento de tráfico da rúa Palamios derivado do peche ao tráfico rodado de Raíña Vitoria.

Está previsto realizar a instalación da sinalización horizontal e vertical ao longo dos próximos días, completando a actuación con información sobre a nova sinalización que será colocada nos portais do barrio para coñecemento dos veciños.

Segundo explicou o edil Demetrio Gómez, esta medida creará un sentido máis lóxico de circulación semellante a unha rotonda, e aínda que supoña algúns metros máis aos condutores entende beneficiará aos veciños ao non estar Palamios preparada para asumir o volume de tráfico actual.

Trátase da última actuación prevista para reordenar o barrio de San Roque. Previamente renovouse a capa de rodadura de San Roque de Abaixo, instalouse un novo paso de peóns elevado en Ribeira dos Peiraos; elevouse o cruzamento de Ribeira dos Peiraos e Pontenova; elevouse o paso de peóns de Palamios á altura das escaleiras que soben cara a Raíña Vitoria; elevouse o paso de peóns diante da escola infantil en San Roque de Abaixo; instalouse un redutor de velocidade no final de Palamios xunto ao Sánchez Cantón quedando sinalizado como zona de convivencia con prioridade peonil e velocidade 10km/h; construíuse unha orella no entroncamento de Corpo Santo con San Roque de Abaixo; e cambiouse o sentido de circulación da rúa San Roque de  Abaixo con acceso limitado a residentes e servizos.