Sanxenxo volverá ser a capital das 'colchonetas' de auga este mes de xullo. O Mundial de Colchonetas celebrará o domingo 30 a súa duodécima edición na praia da Panadeira.
Como nas edicións anteriores, haberá tres carreiras xa que os participantes dividiranse en tres categorías.
A partir das 12:30 horas tomarán a saída os nenos e nenas menores de 10 anos, sobre as 13:15 horas terá lugar a proba para os participantes de 10 a 14 anos e a carreira de adultos está prevista para as 14:00.
Esta peculiar competición é unha das máis esperadas cada verán. Nela, os participantes deben demostrar as súas calidades deportivas e tamén o seu sentido do humor para escoller un disfrace e unha 'colchoneta' que os distinga dos seus adversarios.
Haberá premios para os tres primeiros clasificados en cada unha das categorías, así como para os tres mellores disfraces e os Colchonetas máis orixinais. Ademais haberá premio á cada vez máis concorrida categoría de mellor disfrace en grupo, tamén constará dun primeiro, segundo e terceiro premio.
Este ano, por segunda vez, tamén haberá premio ao mellor disfrace en parella.
Na pasada edición, foron preto de 350 as persoas que se animaron a participar nesta peculiar proba lúdico-deportiva. A organización espera conseguir mesmo máis éxito de participación que nos anos anteriores, xa que detectaron un elevado interese nas redes sociais, nos medios de comunicación e na rúa.