O Carlos Oroza ocupará tres postos do gastromercado

Pontevedra
21 de outubro 2022

Primeiro paso para revitalizar o gastromercado da praza de abastos. O goberno municipal e o Carlos Oroza ultiman a firma dun convenio para incorporar á escola de hostalería a este espazo gastronómico e contribuír á súa dinamización

Actividade 'Degusta Europa' na praza de abastos de Pontevedra
Actividade 'Degusta Europa' na praza de abastos de Pontevedra / Mónica Patxot

Primeiro paso para revitalizar o gastromercado da praza de abastos. O goberno municipal e o Carlos Oroza ultiman a firma dun convenio para incorporar á escola de hostalería a este espazo gastronómico e contribuír á súa dinamización.

A previsión é que a escola xestione de maneira regular tres postos, que ocupan uns 24 metros cadrados, a partir de principios de 2023. Antes desa data, en nadal, xa haberá un pequeno aperitivo cunha serie de actividades.

Así o anunciaron a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, e o director do CIFP Carlos Oroza, Manuel Hermo, tras a reunión que mantiveron este venres.

"Para nós é un proxecto moi importante e estamos ilusionados con el", sinalou Hermo, que destacou que estar presentes no gastromercado permitirá á escola "achegar todas as nosas actividades á cidade e achegar á xente o que fan os alumnos".

No posto do Carlos Oroza haberá presentacións de produtos gastronómicos, actividades de divulgación, degustacións ou talleres formativos, "unha chea de ideas que podemos materializar e que cremos que lle vai a dar un impulso a gastronomía da cidade e ao propio mercado".

Ademais, os proxectos do alumnado do último curso poderán ser presentados alí.

A edil socialista, pola súa banda, avanzou que o Carlos Oroza estudará agora "que posto é o que máis lle convén", dentro das vacantes do gastromercado. Previsiblemente será o espazo que ocupaba Piada Romagnola.

"Estamos tremendamente satisfeitos e con moitas ganas de que comencen porque vai a ser un elemento de dinamización moi importante para este espazo", subliñou Yoya Blanco.