O censo das colonias felinas en Pontevedra: 811 gatos atendidos por 55 voluntarios en 103 lugares

Pontevedra
04 de outubro 2021

Hai colonias por todo o municipio, pero "en Pontevedra e Monte Porreiro está bastante controlado"; o problema xorde nas parroquias, "a contorna rural é horrible", en especial en Estribela, onde a situación "é tremenda, está a tope". O  Concello promete aumentar a súa colaboración coas asociacións que traballan no coidado dos gatos 

Presentación do censo de colonias felinas de Pontevedra
Presentación do censo de colonias felinas de Pontevedra / PontevedraViva

O municipio de Pontevedra ten contabilizadas 103 colonias felinas, nas que viven 811 gatos atendidos por entre 53 e 55 persoas voluntarias. Así consta no primeiro censo de colonias felinas de Pontevedra elaborado nos últimos meses por varias asociacións animalistas para o Concello. O traballo coordinouno Difusión Felina e contou coa colaboración de Huellas Felinas, Adopcións de Galicia, Galgos 112 e as persoas voluntarias que atenden as colonias. 

Froito deste traballo, púidose determinar que hai colonias por todo o municipio e moitas máis nos arredores de Pontevedra que no centro da cidade. Detectaron colonias en Xeve, Marcón, Campañó, Lourizán ou Estribela, onde a situación "é tremenda, está a tope". "Os arredores aínda teñen máis que a cidade", asegurou Estela Moledo, de Difusión Felina. 

María José Vidueira, de Huellas Felinas, engade que "en Pontevedra e Monte Porreiro está bastante controlado, pero a contorna rural é horrible" porque custa facer entender a moitas persoas que non poden entreterse alimentando os gatos sen ningún control.

O tenente de alcalde, Tino Fernández, e o concelleiro de Benestar Animal, Marcos Rey, presentaron as primeiras conclusións deste traballo, que, por primeira vez, permite coñecer a situación e o número de gatos abandonados que vive nas rúas de Pontevedra e nas distintas parroquias. A partir de aquí, con esta información, poderase avanzar para mellorar a súa atención. 

"Por primeira vez coñecemos a situación real", destacou Marcos Rey, que cre que vai ser unha "ferramenta para poder actuar todos en conxunto". A súa intención é traballar para mellorar a situación das colonias felinas e comprométese a que "o Concello aposta por isto". 

Nos últimos meses houbo casos de envelenamento, maltrato e mesmo tiros a gatos destas colonias e a situación, en xeral, non é sostible para estas asociacións que traballan cos animais. Ante esta situacións, piden maior implicación municipal. Na actualidade colabora co proceso de castración dos animais, pero piden que se impliquen tamén na súa esterilización ou na atención cando están enfermos. Este ano castráronse 150.

O concelleiro de Benestar Animal amósase receptivo. Este ano 2021, entre este traballo para elaborar o censo e o plan CES (que permitiu realizar 150 esterilizacións este ano), a achega do Concello de Pontevedra elévase a 16.000 euros e, segundo deu a coñecer Rey, "estamos traballando de cara ao ano que vén". A partir de aí, tomaranse decisións, pero "os cambios requiren o seu tempo". 

"Temos que ir pouco a pouco, temos que ser realistas", sinala Marcos Rey, que tamén engade que nestes momentos están traballando para entregar carnés ás persoas voluntarias que traballan nestas colonias, para que teñan máis seguridade, pois lembra que a Lei de Benestar Animal non permite estas tarefas de alimentar gatos abandonados para persoas que non conten coa correspondente autorización das autoridades, neste caso, municipais.