O Colexio de Arquitectos Técnicos advirte do déficit de man de obra na construción: "impide que o sector avance"

Pontevedra
08 de novembro 2023

Representantes deste organismo provincial, co presidente Manuel Rañó á cabeza, alertan da falta de persoal especializado ao non incorporarse xente nova a oficios vencellados á construción. Consideran que o mercado de rehabilitación conta con moita actividade en Pontevedra e Vilagarcía e recoñecen que unha actualización do PXOM pontevedrés simplificaría o traballo de profesionais do sector e dos promotores

Sede do Colexio de Arquitectos Técnicos de Pontevedra na Praza do Peirao, Pontevedra Mónica Patxot

"Na hostalería todos sabemos que traballan moitas horas e os soldos non son altos. Na construción os soldos son máis altos que o Salario Mínimo Interprofesional e os horarios son de oito horas, non de 12 nin nada semellante, as fins de semana non se traballa e hai días de convenio. A construción hoxe en día non é a mesma de antes e as condicións son as normais". Manuel Rañó, presidente do Colexio de Arquitectos Técnicos de Pontevedra (COATPO), móstrase preocupado polas dificultades que as empresas de construción atopan para lograr persoal, non xa especializado, senón sen coñecementos sobre a materia e que prefiren outras opcións laborais.

"Chámanos a atención que a xente non queira traballar na construción e se vaia á hostalería. É unha cousa estraña. Imaxínome que non se explicou suficientemente ben que as condicións non son as mesmas que hai anos", apunta o máximo representante dos arquitectos técnicos na provincia para insistir en que "se pensan que é un traballo físico, que require moitas horas e non é a realidade"

Manuel Rañó, xunto ao vogal da xunta de goberno da organización José Iglesias e o delegado en Pontevedra, Ricardo Sobral, fan balance da situación actual dun mercado que experimentou un repunte despois da pandemia a pesar da subida dos prezos. Recoñecen que dúas terceiras partes das obras que se acometen están vinculadas a rehabilitación de edificios grazas aos fondos europeos Next Generation. "En Galicia, o ano pasado, os fondos foron insuficientes para todas as solicitudes que había", explica indicando que as axudas para a eficiencia enerxética chegan a cubrir entre un 40 e un 80% da obra.

O fenómeno das vivendas turísticas tamén está a afectar positivamente porque se transforman locais situados nos baixos dos inmobles "que se atopaban parados" coa intención de darlles esa nova utilidade a través de contratos de alugueiro para visitantes. Rañó recoñece que a administración está a fomentar que esas vivendas turísticas recalen nos baixos para evitar problemas coa veciñanza. 

Esta mellora do mercado inmobiliario é a outra cara da crise económica que, durante oito anos, reduciu nun 90% o traballo das empresas de construción fai xa tres lustros. José Iglesias recoñece que a situación laboral no sector cambiou moito en relación cos peóns de obra: "xa non traballan pola tarde" porque a maioría de empresas realizan horario continuo, de 07.00 a 15.00 horas.

As construtoras, ademais, buscan cada vez máis traballadores especializados: "a maioría das empresas necesitan operarios", insiste Manuel Rañó, "o problema máis grave é a man de obra. Impide que o sector avance. A xente xubílase e a empresa non atopa reposto. Hai unha chea de construtoras que non poden empezar a obra ata dentro dun ano". 

Esta situación mesmo provoca competencia entre as empresas, especifica Ricardo Sobral: "hoxe en día un bo albanel con coñecementos de niveis ou que saiba colocar azulexos é unha persoa moi cotizada. É un traballo artesanal. Non se aprende nun ano". E isto sucede a pesar de que as obras contan cada vez con máis elementos prefabricados que converten a edificación nun sistema de mecano encaixando pezas e subcontratando a especialistas.

ACTUALIZACIÓN DO PXOM

Manuel Raño recoñece que "estaría ben" que en Pontevedra se actualizase o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Pontevedra, que leva en vigor desde 1989. Segundo manifesta, un cambio simplificaría o traballo dos profesionais do sector e dos promotores. 

Ricardo Sobral, delegado do COATPO en Pontevedra : "a administración local e a autonómica teñen que poñerse de acordo. Un Plan Xeral sempre é bo"

Explica que actualmente "xera dúbidas" e obriga a comprobar diferentes normativas para finalizar aplicando sempre a máis restritiva. 

Ricardo Sierra lembra que "no seu día xa o goberno local tentou facer un novo plan, pero a Xunta revisa e verifica eses plans e non chegaron a un acordo. O que tramita quere a máxima edificabilidade e o que revisa di: non podes ter tanto", apunta para engadir que "a administración local e a autonómica teñen que poñerse de acordo. Un Plan Xeral sempre é bo".

Desde o Colexio de Arquitectos Técnicos recoñecen que elaborar un PXOM é un proceso "moi complexo" porque é necesario sumar trinta informes sectoriais nun procedemento que leva anos co agravante de que calquera erro ou informe sectorial "pódeo tombar".

"Non é  un tema exclusivo de Pontevedra. En Vilagarcía están a revisar o plan e levan como dez ou quince anos e só revisalo, que non é facelo de novo. Nese proceso cámbiache a lei e tes que refacer o traballo xa feito", expón Rañó. 

660 PROFESIONAIS COLEXIADOS

Actualmente o Colexio de Arquitectos Técnicos conta con dúas sedes, unha en Vigo e outra en Pontevedra, situada na Rúa San Telmo. 660 profesionais forman parte deste organismo provincial. A lei esixe que estean colexiados tanto os aparelladores que son funcionarios como aqueles liberais. Pola contra, os que formen parte dunha construtora ou dunha fábrica de materiais non están obrigados a formar parte da institución.

"O 95% dos alumnos que saen da escola coléxianse, están un ou dous anos e despois vanse porque traballar na parte libre da profesión non é tan sinxelo. Somos moitos", afirma Rañó, "é máis fácil atopar traballo nunha construtora ou nunha fábrica de materiais".

En todo caso, explica que nas construtoras hai demanda de arquitectos técnicos e que o mercado actual permite que todos aqueles profesionais que son liberais teñan traballo.