O concelleiro de Educación cre que as obras prometidas para o Carlos Oroza son "proxectos virtuais" do PP

Pontevedra
27 de febreiro 2015

Agustín Fernández apunta que os alumnos levan anos de promesas por parte do Partido Popular e entende que non resulta crible reiteralas en vésperas electorais

Alumnos do Carlos Oroza atendendo o restaurante aberto ao público no centro Mónica Patxot

A Xunta de Galicia anunciou a "inminente" licitación das obras de ampliación do Centro Integrado de Formación Profesional Carlos Oroza e dende a concellaría de Educación de Pontevedra restan credibilidade a esta actuación que, segundo o concelleiro Agustín Fernández, se suma a unha ampla lista de promesas que o Partido Popular foi acumulando en Pontevedra durante os últimos anos e considera que se trata de "proxectos virtuais".

Neste sentido, Fernández indica que as obras no Carlos Oroza se prometeron ata tres veces e chegou a organizarse unha folga de alumnos porque o teito se encontraba en malas condicións e emanaba un olor insoportable. O concelleiro denuncia tamén a escandalosa falta de capacidade do edificio onde se atopa.

Agustín Fernández recorda que a comunidade docente é coñecedora de que a Xunta de Galicia decidiu en 2009, con Alberto Núñez Feijóocomo presidente, non construír un novo centro que xa estaba presupostado para impartir a formación de hostalaría do Carlos Oroza.