O Concello, a Deputación e ENCE sentan para falar... da UNED

Pontevedra
18 de decembro 2013

Este mércores celebrouse nas instalacións do Centro Asociado da UNED de Pontevedra a primeira Xunta Reitora do curso académico 2013/2014

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, o presidente da Deputación, Rafael Louzán e o director da Fábrica de Ence de Pontevedra, Antonio Casal, reuníronse este mércores para falar da UNED.

Os tres coincidiron na celebración da primeira Xunta Reitora do curso académico 2013/2014 á que acudiron xunto a outros membros do Padroado, entre outros o vicereitor de Centros Asociados da UNED, Tomás Fernández, o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro e a directora do Centro Asociado de Pontevedra, Beatriz Rodríguez.

Entre outros puntos do día, procedeuse á liquidación dos presupostos anuais do curso anterior e á aprobación dos presupostos do curso 2013/2014, cuxa contía total ascende a 1.748.978 euros, cifra similar á do exercicio anterior.

Así mesmo, Beatriz Rodríguez destacou no seu informe, lido ante os membros da Xunta e que recolle a actividade do centro nos últimos seis meses "o compromiso de calidade do centro, que en próximas datas será sometido a unha auditoría por parte da Cátedra de Calidade de Tudela".

Por último, anunciou o atraso na finalización das obras da Aula Magna, cuxa inauguración está prevista, finalmente, para o segundo cuadrimestre.