O Concello, á espera da autorización da Xunta á cesión do seu edificio en Benito Corbal

Pontevedra
20 de outubro 2015

Miguel Anxo Fernández Lores, que se reuniu este martes con directivos da Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE), volveu sinalar a idoneidade deste inmoble para destinalo a políticas de promoción económica e emprendemento

Antigo edificio administrativo da Xunta na rúa Benito Corbal
Antigo edificio administrativo da Xunta na rúa Benito Corbal

Antes de final de ano, a antiga delegación da Xunta de Galicia na rúa Benito Corbal podería ser cedida ao Concello de Pontevedra. Así o espera, polo menos, o alcalde de Pontevedra. Miguel Anxo Fernández Lores pediullo ao presidente autonómico na entrevista que ambos mantiveron o pasado mes de xullo. Alberto Núñez Feijóo prometeu estudar esa petición e dar unha resposta. Pasados case tres meses, o alcalde asegura que reiterará esa demanda.

Miguel Anxo Fernández Lores, que se reuniu este martes con directivos da Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE), volveu sinalar a idoneidade deste inmoble para destinalo a políticas de promoción económica e emprendemento.

"É un tema de interese xeral", destacou o alcalde. O Concello espera que a Xunta aprobe unha cesión mínima de dez anos, despois de comprobar que a recualificación que querían impulsar é de complicada execución, debido á esixente normativa urbanística que está vixente actualmente. "Chegaron a manexar varios proxectos", recoñeceu, pero recibiron informes negativos dos propios servizos de Urbanismo da administración autonómica. 

O obxectivo do goberno municipal é que se converta na sede do viveiro de empresas vinculado co Campus Crea da Universidade de Vigo que se ía a construír na zona da Barca e que decidiu paralizarse ao entender que non daba tempo de levantar un edificio novo antes de final deste ano, prazo que marcaba a subvención que ía solicitar a Fundación INCYDE, organismo dependente das cámaras de comercio españolas.

Entende Fernández Lores que, a pesar de atoparse sen uso e abandonada desde que as dependencias administrativas da Xunta se mudaron a Campolongo, podería utilizarse se se realiza un investimento económico razoable. Acollería este viveiro de empresas e tamén cubriría as necesidades da universidade en materia de investigación. A sala de exposicións e o seu auditorio servirían ademais para outros usos culturais.

No caso de que a Xunta responda negativamente a esta petición, o Concello de Pontevedra trataría de buscar un novo emprazamento para este viveiro, pero xa para 2016.