O Concello aposta polo traslado da Policía Nacional ao antigo cuartel da Garda Civil en Casimiro Gómez

Pontevedra
20 de abril 2016

Urbanisticamente resultaría "máis doado", xa que non sería preciso unha recalificación. O edificio da Policía Nacional xa está considerado como residencial no Plan Xeral, polo que o Estado só tería que vender o edificio e coas ganancias custear a reforma do edificio da Garda Civil

Antiga Comandancia da Garda Civil en Pontevedra PontevedraViva

O concelleiro Luís Bará informou que o goberno local de Pontevedra aposta polo traslado da Policía Nacional ao cuartel da Garda Civil en Casimiro Gómez.

Bará sinalou que se trata dunha "alternativa mellor" que a que xestiona a xerencia de infraestruturas e equipamentos da seguridade do Estado, que é a recualificación do vello edificio da Garda Civil. 

Dende o Concello proporáse ante as instancias oportunas o traslado da Policía Nacional a estas dependencias "xa que está mellor situado" para o tipo de necesidades deste corpo e "dispón de máis terreo", importante para atallar os problemas de espazo de estacionamento da Policía. 

Urbanisticamente tamén resultaría "máis doado", xa que non sería preciso unha recualificación. O edificio da Policía Nacional xa está considerado como residencial no Plan Xeral, "polo que o Estado só tería que vender o edificio e coas ganancias custear a reforma do edificio da Garda Civil", dixo Bará. 

A Asociación de Veciños da Eiriña ten previsto iniciar unha campaña de denuncia para que o Estado tome medidas e adecente este vello cuartel da Garda Civil.

É unha das iniciativas que porán en marcha xunto coa petición de ampliación da praza do Hospital até Doce de novembro e José Malvar ou un local para reunións. O Concello xa está a realizar na travesía da Eiriña a poda das árbores e outras pequenas obras que solicitou a asociación.