O Concello atalla as queixas sobre o paseo das Palmeiras cunha campaña de limpeza

Pontevedra
27 de xuño 2019

Non pasaran nin 24 horas desde que PontevedraViva denunciase o mal estado do Paseo das Palmeiras, cando a brigada de parques e xardíns do Concello de Pontevedra desembarcou no céntrico parque pontevedrés para poñer orde no caos que ata hoxe reinaba nestes xardíns

As cortacéspedes aterran no Paseo das Palmeiras para segar a herba que estaba moi alta Mónica Patxot

Non pasaran nin 24 horas desde que PontevedraViva denunciase o mal estado do Paseo das Palmeiras, cando a brigada de parques e xardíns do Concello de Pontevedra desembarcou no céntrico parque pontevedrés para poñer orde no caos que ata hoxe reinaba nestes xardíns.

Durante toda a mañá, os xardineiros centráronse na recollida dos restos de envoltorios, plásticos, cartóns e botellas esparexidas por toda a superficie; a recollida dos centenares de follas que se acumulaban nos carreiros, nas zonas verdes e nas fontes; e a segar o céspede cuxa altura superaba en moitas zonas os dez centímetros.

"O labor de hoxe centrábase en limpar e cortar a herba na zona", explica o concelleiro responsable da área de parques e xardíns, Iván Puentes (PSOE).

A mobilización de limpeza non quedará nunha soa xornada. Para que o paseo recupere o esplendor perdido nas últimas semanas fai falta unha intervención máis profunda. Por esta razón, os operarios municipais xa comezaron a colocar valos no aparcamento adxacente ao estanque dos patos informando de que nas próximas xornadas non se poderá aparcar na zona para facilitar a limpeza do parque e das rúas lindeiras.

Desde o Concello están tamén buscando a mellor solución para arranxar o monumento aos mariñeiros que leva meses semivalado e aos danos que afean o estanque dos patos, o pombal e os bambáns. Con todo, estas accións precisan un estudo máis minucioso polo que o seu arranxo non levará a cabo con tanta inmediatez.

O mal estado deste emblemático paseo, tal e como informou onte PontevedraViva, espertou as queixas de moitos dos peóns que camiñan a diario polos seus camiños, levan aos seus fillos ás randeeiras ou toman o fresco nos bancos. "Máis que un parque parecía unha selva", dicía unha das veciñas que afán pasear por aquí. 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora