Posta a punto das árbores e zonas verdes da Alameda, as Palmeiras e A Ferrería

Pontevedra
31 de xullo 2019

Os traballos forman parte dun conxunto de actuacións que se están a levar a cabo ao longo do verán para poñer a punto as árbores e zonas verdes da Gran Vía de Montero Ríos, as Palmeiras e A Ferrería de cara ás Festas da Peregrina e a Feira Franca

Traballos de mellora dos xardíns de Casto Sampedro
Traballos de mellora dos xardíns de Casto Sampedro / Concello de Pontevedra

Unha brigada de seis operarios pertencentes ao servizo municipal de Parques e Xardíns desenvolve dende primeira hora desta mañá tarefas de poda dos plataneiros, carballos e ameneiros da Alameda de Alejandro Sesmeros.

Os traballos forman parte dun conxunto de actuacións que se están a levar a cabo ao longo do verán para poñer a punto as árbores e zonas verdes da Gran Vía de Montero Ríos, as Palmeiras e A Ferrería de cara ás Festas da Peregrina e a Feira Franca.

Os traballos consisten nunha poda tanto das ramas máis baixas, limpando as árbores na súa zona inferior, como dalgunhas situadas a maior altura, coa finalidade de previr a caída daquelas secas e en mal estado.

Un guindastre permitiu o acceso dos operarios do Concello ás copas máis altas para o tallado destas pólas.

Estes traballos terán continuidade a vindeira semana no parque das Palmeiras, onde xa se efectuara recentemente un tratamento preventivo contra o picudo vermello ás 26 palmeiras dos Xardíns de Vincenti.

Todas elas se atopan fóra de risco, segundo o concelleiro de Parques e Xardíns, Iván Puentes.

A actuación tamén inclúe a eliminación de malas herbas, a limpeza de follas das árbores, a retirada de maleza e o tallado dos arbustos dos xardíns.

Unha vez rematada esta limpeza, que se estenderá polo noiro existente entre a avenida Raíña Vitoria e as escaleiras que dan cara San Roque de Abaixo, iniciarase a reposición de plantas secas e a plantación de flores nas zonas verdes da Alameda e a rotonda de San Roque.

O edil tamén revisou os traballos das brigadas nos xardíns de Casto Sampedro, na Praza de Ourense, nos que se plantaron flores laranxas ao longo da xornada.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora