O Concello avanza na tramitación para homologar o Pazo da Cultura como centro de formación

Pontevedra
27 de abril 2018

Mentres tanto o plan de formación para o emprego no que traballa o goberno local pon en marcha a primeira acción concreta, un curso homologado sobre desenvolvemento de proxectos de sistemas de automatización industrial que se impartirá no mes de xuño

Anabel Gulías, concelleira de Promoción Económica Alejandro Vila

O Concello de Pontevedra avanza na tramitación para conseguir que o Pazo da Cultura sexa recoñecido como centro homologado para a formación no emprego, unha tramitación na que están implicadas outras administracións e que conta con requisitos esixentes.

Así, para conseguilo deben habilitarse instalacións para formación teórica, equipamentos para prácticas, espazos para dirección ou orientación e a definición das ramas profesionais coas que se pretende traballar.

"Unha formación homologada xera títulos habilitantes, certificados de profesionalidade equivalentes aos títulos de FP", explicou a concelleira de Promoción Económica, Anabel  Gulías, sinalando a homologación como un requisito indispensable.

Mentres isto non sucede, o plan de formación para o emprego no que traballa o  Concello poñerá en marcha en xuño a súa primeira acción concreta, un curso homologado sobre desenvolvemento de proxectos de sistemas de automatización industrial.

A este curso seguiranlle outros dous sobre atención sociosanitaria a persoas dependentes en instalacións sociais. Os tres cursos impartiranse en xuño nalgún dos dous centros homologados que hai na cidade, aos que o Concello solicitou presupostos. Contarán con 15 prazas en cada un deles, podendo anotarse no correo administracion@proxectoiles.es.

Para axustar a oferta formativa á demanda laboral, o goberno local prepara unha xornada de traballo coas empresas da cidade para coñecer de primeira man as súas necesidades.