Os técnicos municipais atópanse xa traballando na nova ordenanza de protección animal que se prevé aprobar en Pontevedra, tal e como se acordou por unanimidade no último pleno da corporación, celebrado a finais do pasado mes de xaneiro.
Así o desvelou Carme da Silva, quen avanzou que o primeiro paso será recompilar información sobre ordenanzas similares aprobadas noutros concellos, especialmente galegos, ao ter xa adaptada a normativa autonómica nesta materia.
Ademais, o goberno municipal poñerase en contacto con asociacións e colectivos que traballan no ámbito de Pontevedra, entre eles Difusión Felina e Os Palleiros, para que realicen as súas achegas á nova ordenanza.
Non serán os únicos, xa que o Concello quere contar tamén coa opinión doutros sectores que traballen habitualmente con animais como os veterinarios, que poden achegar unha visión diferente ás cuestións que se deban regular.
Precisamente, pola tramitación desta ordenanza, o BNG votou en contra dunha moción presentada polo PP para tomar medidas contra o envelenamento de gatos en diferentes zonas da cidade. Marea e o PSdeG-PSOE abstivéronse, polo que a iniciativa non saíu adiante.
Da Silva entende que esa cuestión será regulada pola ordenanza que se está tramitando, polo que non ve necesario aprobar unha moción que duplicaría a atención sobre este asunto.