O Concello contratará persoal propio para avanzar no despregue da compostaxe

Pontevedra
26 de marzo 2018

Un técnico superior en xestión de residuos e 3 técnicos auxiliares sumarase ao persoal do Plan Revitaliza que en xuño incorporará tamén bolseiros

Técnica do Plan Revitaliza explicando os métodos de medición do composteiro Gabriela Varela Asorey

A Xunta de Goberno local deste luns aprobou as bases de contratación, polo que agora o Concello pon en marcha o proceso para a contratación de persoal adicado a dúas áreas:

  • Administración electrónica, para implantación da sede electrónica e para o seguimento e xestión da Estratexia DUSI. Nesta área contratarase 1 técnico xurídico de administración xeral A1; un enxeñeiro superior e un técnico medio de xestión.
  • Xestión de residuos, para avanzar no despregue da implantación da compostaxe no municipio.

O voceiro do Goberno local, Raimundo González explicou en rolda de prensa que o persoal colaborador do Plan Revitaliza empeza a estar saturado para atender o número crecente de centros de compostaxe da cidade, aínda que está previsto que ao abeiro do programa provincial de tratamento de biorresiduos se incorporen en xuño varios bolseiros. 

De calquera xeito o Concello contratará persoal propio: 1 técnico superior de xestión de residuos e 3 técnicos auxiliares.

Dende o Goberno local sinalaron que a demanda de composteiros comunitarios "vai en aumento" polo que o reforzo de persoal é "un paso necesario" para darlle resposta o antes posible. 

Hoxe en día, "após do éxito de uso" do primeiro centro de compostaxe urbano na avenida Eduardo Pondal, estanse a instalar dous novos composteiros no barrio: na rúa Camiño de Ferro e en Ponte Boleira e no Concello estanse a recibir peticións de centros de tratamento de biorresiduos chegados desde diferentes puntos da cidade.