O Concello de Barro acusa o PP de "difundir bulos" sobre a piscina municipal

Barro
20 de maio 2019

"Nin as arcas do Concello nin da Deputación van ter que poñer máis diñeiro para este proxecto do que xa estaba previsto", aseguraron desde o goberno que dirixe o nacionalista Xosé Manuel Fernández Abraldes

Visita ás obras da piscina municipal de Barro Deputación de Pontevedra

O goberno municipal de Barro acusou este luns ao PP de "difundir bulos" sobre o proxecto da piscina municipal, unha obra que financia o Concello e a Deputación de Pontevedra.

"Nin as arcas do Concello nin da Deputación van ter que poñer máis diñeiro para este proxecto do que xa estaba previsto", aseguraron desde o goberno que dirixe o nacionalista Xosé Manuel Fernández Abraldes.

Os populares, engaden desde o Concello, están "preocupados" porque ven "cada vez máis difícil" recuperar o goberno municipal. Esa "desesperación", afirman, é a que está detrás das "mentiras" que lanzan para "embarrar" a campaña electoral.

O PP denunciou unha serie de irregularidades administrativas nesta obra que, segundo o Concello, non son tal.

Recoñecen que, na execución de obras, "sempre poden aparecer cuestións" que leven a unha administración a modificar o proxecto inicial co obxectivo de solucionar algún problema ou de mellorar o proxecto. "Isto é algo totalmente regular, recollido na lei de contratos e que sucede constantemente en todas as administracións", explican.

O pleno do concello aprobou un modificado do proxecto da piscina, nas condicións que se estipulan no prego de contratación e sen superar o 20% do mesmo. Todo iso, ademais, "perfectamente xustificado" en todos os informes técnicos de ambas administracións.

Ademais, o Concello ironiza con que o PP "nos seus bulos non é nin rigoroso nos números que fan e utilizan demagoxicamente cantidades inexactas".

O goberno municipal destaca que eles fan as cousas de xeito "limpo, pulcro e transparente", algo que choca "frontalmente" co estilo do Partido Popular de Barro.