O concello de Poio priorizará os tramos da PO-308 para que a Xunta os reforme

Poio
09 de febreiro 2015

Ante a imposibilidade de abordar un proxecto integral de reforma da PO-308 ao seu paso por Poio, será o concello quen priorice aqueles tramos desta estrada nos que é máis necesario que a Xunta actúe

Reunión coa conselleira Ethel Vázquez pola estrada PO-308
Reunión coa conselleira Ethel Vázquez pola estrada PO-308

Ante a imposibilidade de abordar un proxecto integral de reforma da PO-308 ao seu paso por Poio, será o concello quen priorice aqueles tramos desta estrada nos que é máis necesario que a Xunta actúe.

Así o trasladou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, na reunión celebrada este luns na delegación da Xunta en Pontevedra co alcalde, Luciano Sobral, os voceiros de BNG, PSOE e PP, Silvia Díaz, Chelo Besada e Ángel Moldes, respectivamente, así como o concelleiro de Urbanismo, Xulio Barreiro; para estudar os plans de seguridade proxectados para a estrada da costa que comunica Pontevedra coa Lanzada.

Ethel Vázquez brindou o apoio da Xunta "para todo o que sexa traballar pola seguridade viaria" destacando que se trata dunha estrada "moi urbana" polo que "sería convinte para a construción de beirarrúas que o concello puxera a disposición os terreos necesarios".

O positivo é que algúns destes terreos xa son de dominio público o que abarataría o custo este proceso e o faría tamén máis áxil.

O próximo martes 3 de marzo os técnicos de ambas as dúas institucións reuniranse para determinar a propiedade de todos os terreos afectados e concretar en detalle que superficie a maiores se podería necesitar naqueles tramos que vaian ser urbanizados.

Luciano Sobral valorou este encontro como un "pequeno avance" aínda que lamentou "que non exista un proxecto concreto", senón "varios borradores".

"Dende o concello temos que concretar aquelas zonas que entendemos prioritarias para ir avanzando", apuntou o rexedor que este mércores ás 20.30 horas no salón de plenos do Concello informará aos colectivos integrantes da Plataforma do falado con Ethel Vázquez.

Os voceiro socialista, Chelo Besada, indicou que "se conseguimos que se vaia facendo por tramos xa nos damos por conformes".

Pola súa parte, o voceiro do PP, Ángel Moldes destacou a importancia desta reunión, tendo en conta as negativas ás peticións enviadas dende o ano 2011. "Polas dúas partes poñer vontade é importante", dixo Moldes tras recordar a postura tomada na comisión pola seguridade e urbanización da PO-308 na que se apostaba polas beirarrúas.