O Concello de Ponte Caldelas denunciará ao da Lama pola vertedura na praia fluvial procedente da depuradora

Ponte Caldelas
17 de xuño 2015

Segundo informaron os técnicos de Medio Ambiente ao alcalde, Andrés Díaz, o verquido procede da EDAR do Concello de A Lama. O goberno local de Ponte Caldelas estuda establecer unha demanda contra o Concello de A Lama

Toma de mostras na praia da Calzada Concello de Ponte Caldelas

Durante a mañá deste mércores chegaron os resultados das análises efectuadas ás mostras recollidas o pasado luns na praia fluvial de A Calzada tras detectarse que as augas presentaban unha cor que non era a habitual. Estas análises confirmaron a presunción inicial dunha vertedura procedente da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) da Lama.

A este respecto, o Goberno Local mostrará a súa "firme oposición ante calquera agresión ó río e tomará cantas accións e denuncias correspondan para que non se volva a producir un incidente deste tipo". Da mesma maneira informou de que "o Concello de Ponte Caldelas emprenderá unha denuncia ante Medio Ambiente e Augas de Galicia co fin de que por parte desta administración se tomen as medidas oportunas e se teña o máximo coidado para que isto non se volva a producir".

Finalmente o goberno local de Ponte Caldelas apuntou nun comunicado "que atacar ao río de Ponte Caldelas e á súa praia fluvial é atacar directamente aos veciños e veciñas do noso municipio".

Durante esta mañá os técnicos de Saúde Ambiental da Xunta de Galicia xa procederon a recoller unha nova mostra que se espera que de cara ao venres poida confirmar que as augas volven á normalidade.