O Concello de Ponte Caldelas facilitará a Orbe os currículums de desempregados do municipio

Ponte Caldelas
29 de setembro 2015

A firma conserveira, que afronta a fase final das obras de construción da súa nova nave na Reigosa, contratará segundo o alcalde a 50 persoas do municipio dentro do proceso de selección de persoal aberto  

Andrés Díaz visita as obras da nova nave de Orbe, na Reigosa Concello de Ponte Caldelas

A empresa Orbe contratará a 50 desempregados do municipio de Ponte Caldelas dentro do proceso de selección de persoal aberto para a súa nova nave, no polígono da Reigosa.

Así o asegura o alcalde, Andrés Díaz, tras visitar as obras, que encaran a súa fase final coa intención de que estean concluídas a finais de outubro, momento no que se comezará co traslado da maquinaria e co proceso de probas de funcionamento.

Segundo o acordo alcanzado coa empresa, o Concello facilitará a Orbe os currículums dos que dispón na bolsa de emprego municipal.

"Poder establecer un acordo como este que impulsará a contratación de cincuenta personas residentes no Concello a partir de 2016 énchenos de satisfacción non só porque moitas familias poderán ver unha saída á crise senón porque se incide directamente sobre un problema fundamental como é o desemprego feminino", sinalou o alcalde.

Paralelamente o goberno municipal dará continuidade ao curso gratuito de manipulador de alimentos que volverá organizar para axudar a formar ás persoas que queiran optar por un posto de traballo en Orbe.