A concelleira de Promoción Económica do Concello de Pontevedra, Yoya Blanco, reuniu de forma extraordinaria aos integrandes da Mesa do Comercio Local para abordar a situación e os desafíos que deberá afrontar o comercio local co paulatino regreso á normalidade. De forma telemática, a edila socialista informou das medidas adoptadas polo goberno local e escoitou as peticións dos afectados, que trasladará ás correspondentes concellerías.
Entre as principais demandas dos empresarios estaba a petición de suprimir ou pospoñer taxas como as terrazas ou impostos como o IBI, unha reivindicación que terá que estudar o departamendo de Facenda do goberno local. Tamén informou Blanco aos comerciantes de Loureiro Crespo, que mostraron a súa preocupación polo impacto do inicio das obras nesta arteria.
Doutra banda, avanzou a concelleira que se poñerá en marcha unha campaña informativa entre clientes e comerciantes sobre o comportamento que se debe ter durante a desescalada e as restricións de aforo que afectarán a todos os establecementos.
Sen dúbida, a medida máis importante que está sobre a mesa é o lanzamento dunha apliación, "estilo Amazon", detalla Blanco, que englobará ao maior número de empresas locais posibles para fomentar o consumo e reactivar a economía da cidade. Con todo, a súa posta en marcha está pendente da concesión de fondos europeos.
Pola súa banda, desde a Asociación de Novos Empresarios (AJE), despois de mostrar o seu apoio ás propostas do goberno local, enviaron unha serie de peticións ao executivo municipal consistentes na supresión de impostos municipais mentres dure o estado de alarma, axudas para adecuar locais ás novas medidas sanitarias e orientación ás empresas para non incorrer en gastos innecesarios.
No encontro, no que houbo que resolver máis dunha complicación técnica, participaron diversas asociacións de comerciantes, así como representantes dos grupos da oposición.