O Concello de Pontevedra e Zona Franca elaborarán un plan estratéxico para a capital e a súa área

Pontevedra
03 de agosto 2021

O delegado do Estado na Zona Franca de Vigo, David Regades, asinou este martes coa concelleira de Promoción Económica do Concello de Pontevedra, Yoya Blanco, un convenio para a realización dun plan estratéxico de Pontevedra e a súa área, tal e como o delegado comprometera o pasado mes de marzo nunha visita á cidade  

Sinatura do convenio entre o Concello de Pontevedra e Zona Franca Mónica Patxot

O delegado do Estado na Zona Franca de Vigo, David Regades, asinou este martes coa concelleira de Promoción Económica do Concello de Pontevedra, Yoya Blanco, un convenio para a realización dun plan estratéxico de Pontevedra e a súa área, tal e como o delegado comprometera o pasado mes de marzo nunha visita á cidade. 

David Regades explicou en rolda de prensa que este plan "establecerá as directrices para unha estratexia que supoña un proxecto a longo prazo" e incluirá un diagnóstico territorial, obxectivos estratéxicos e unha folla de ruta con actuacións "específicas, claras e realistas" para a mellora da competitividade económica, a calidade de vida e para crear emprego. 

Ademais, subliñou que "o proceso será participativo" e organizaranse xornadas para recompilar opinións de axentes e entidades público-privadas relevantes sobre a situación actual e os retos futuros de Pontevedra, "co obxectivo de enriquecer a proposta de accións para o futuro".

Esta "folla de ruta" empezará cunha fase de diagnóstico na que se analizará a economía e o tecido empresarial de Pontevedra e da comarca. O traballo terá en conta a repercusión social e económica da crise do Covid-19 e analizará parámetros como tecnoloxía, innovación e internacionalización, a contorna política e legal, a sociedade e cultura, demografía, medioambiente e sustentabilidade, así como iniciativas de interese.

A información sintetizarase nunha matriz DAFO, unha ferramenta de estudo para determinar debilidades, ameazas, fortalezas e oportunidades e a partir de aí redactarase un informe final.

Ademais, realizarase unha selección de proxectos exitosos, con obxectivos similares, tanto de España como internacionais, que poidan resultar inspiradores e que se poidan aplicar.

Finalmente elaborarase unha lista de axudas públicas susceptibles de financiar a implementación dos programas e actuacións propostas e formularanse unha batería de indicadores que faciliten a avaliación e seguimento periódico das accións e permita a toma de decisións.

Para a consecución dos obxectivos, constituirase un grupo de traballo paritario con tres representantes de cada parte. O protocolo ten unha duración de 4 anos.

David Regades resaltou que este acordo de colaboración foi un empeño persoal do tenente de alcalde de Pontevedra, Tino Fernández que hoxe actuou como alcalde accidental da capital e que incidiu en que durante os últimos anos a "principal preocupación" da cidadanía da Boa Vila é o desemprego "e esta situación non nos pode ser allea aínda que as competencias municipais nesa materia sexan poucas". 

Neste contexto, sinalou Tino Fernández, desde a Administración local están a adoptarse medidas como cursos de formación e capacitación, campañas de fomento do comercio local, organización de eventos que dinamizan a economía ou a promoción turística, entre outras iniciativas que citou o alcalde accidental. "Pero isto non nos parece suficiente" engadiu o responsable socialista.
#Ante o escenario " poliédrico" que se aveciña "cunha economía máis verde e sostible" que "abre novas expectativas que todos temos que aproveitar" e para iso "temos que saber cales son as nosas fortalezas e debilidades" e neste sentido enmarca Tino Fernández como unha "oportunidade importantísima" esta colaboración coa Zona Franca.

"Non somos unha cidade só para pasear e para durmir senón para traballar, para crecer e para afrontar o futuro con optimismo", dixo o alcalde accidental de Pontevedra.

Tino Fernández tamén comprometeu que desde o Goberno local "non deixaremos de facer todo o que estea na nosa man" e que tamén esixirán a todas as administracións, "sobre todo á autonómica" por ser a que ten as competencias en materia de emprego, "que se deixen de lerias, de discursos baleiros, de críticas entre uns e outros e que se poñan a traballar en serio".