O Concello de Pontevedra subirá 10 taxas municipais en 2014 e conxela o IBI

Pontevedra
18 de outubro 2013

Entre outras subas, o goberno local incrementará o tipo impositivo de lixo, auga, sumidoiros e veladores. Segundo o concelleiro de Facenda, Raimundo González, as subas son pequenas e veñen condicionadas polo incremento que corresponde á empresa adxudicataria do servizo

Raimundo González, concelleiro de Facenda no Concello de Pontevedra Diego Torrado

Dez taxas municipais veranse incrementadas coa chegada de 2014. A xunta de goberno do Concello de Pontevedra aprobou a suba da auga, lixos, saneamento, extinción de incendios, cemiterios, veladores, plusvalía, vehículos, servizos especiais e caixeiros das entidades bancarias situados na rúa.

A xustificación desta suba, segundo sinalou o concelleiro responsable de Facenda, Raimundo González, encóntrase na obriga de manter o equilibrio económico e está relacionado co incremento correspondente coa suba ás empresas adxudicatarias dos servizos. Segundo sinalou González, a suba de auga, lixo e rede de sumidoiros non supera os 50 céntimos ao mes. O incremento medio sitúase no 1,8 por cento, que se corresponde coa suba do IPC entre xullo de 2012 e o mesmo mes de 2013.

Non obstante, o concelleiro Raimundo González indicou que o Imposto de Bens Inmobles (IBI) non se verá incrementado e se permitirá o fraccionamento do pagamento. Poderase solicitar ata marzo e os pagamentos executaríanse o 20 de xuño e o 1 de outubro.