O Concello de Ribadumia reparte 890 euros en premios ás mellores decoracións de Nadal de escaparates e vivendas

O Salnés
12 de decembro 2023

O obxectivo é premiar a creatividade de toda a veciñanza de Ribadumia, así como decorar o municipio e todos os establecementos locais para impulsar o noso comercio nestas datas festivas

Iluminación e decoración de Nadal
Iluminación e decoración de Nadal / Concello de Caldas de Reis

O Concello de Ribadumia convoca as bases para os dous concursos de decoración de Nadal que desenvolve cada ano. 

Trátase da IV edición do Concurso de decoración de Nadal en ventás e exteriores de vivendas e a IV edición do Concurso con decoración de Nadal de escaparates e interiores de establecementos con sede no municipio; este último, promovido pola asociación de comerciantes ‘Ribadumia Agárdate’ e en colaboración co Concello.

O goberno local pretende promover a creatividade da veciñanza do municipio para que decoren os seus balcóns, ventás, fachadas ou exteriores das súas vivendas para exaltar esta época de festividade do Nadal. 

Tamén se pretende axudar a dinamizar e impulsar a promoción do comercio local a través da decoración dos escaparates e interiores dos establecementos. Repartiranse 890 euros en premios para gastar no comercio local do municipio.

A temática de ámbolos dous concursos é totalmente libre en canto a técnica e estilo. Valorarase a creación artística, a presentación, a creatividade a orixinalidade e os elementos característicos da nosa cultura e tradición, así como os adornos de Nadal feitos con material reciclado.

Os veciños de Ribadumia que queiran participar coa decoración dos seus fogares deberán ter exposta a súa decoración entre o 8 de decembro de 2023 e o 7 de xaneiro de 2024. O prazo de presentación de candidaturas remata ás 23:59 horas do 20 de decembro de 2022.

Pola súa parte, os comerciantes e traballadores que queiran decorar os seus escaparates ou interiores e queiran participar, terán tamén ata o 20 de decembro de 2023 para inscribirse no concurso.

Unha vez rematado o prazo de inscrición nos concursos, o xurado reunirase para examinar as candidaturas presentadas e decidir os galardoados da presente edición.

As persoas gañadoras dos dous concursos daranse a coñecer o día da Cabalgata de Reis, ademais de ser comunicados persoalmente e a través das redes sociais municipais. Para coñecer máis información arredor de todas as condicións e dereitos dos concursos, pódense consultar as bases que se publicarán na web do Concello de Ribadumia e no taboleiro municipal.