O centro de saúde de Cuntis segue padecendo os problemas de falta persoal que colapsan as consultas. O goberno local, a través do alcalde Manuel Campos, acaba de remitir un novo escrito á Xerencia de Atención Primaria para alertar da precariedade do servizo.
Desde hai semanas, un dos médicos atópase de baixa por enfermidade pero a súa praza non foi cuberta por ningún substituto. Unha situación que está a provocar importantes atrasos na concesión de citas, con listas de espera de ata quince días. Ante este problema e debido á urxencia dalgunhas doenzas, son moitos os veciños que acoden de forma presencial ao centro de saúde para solicitar unha cita inmediata.
O Concello esixe unha mellora da asistencia sanitaria e que se cubra de forma inmediata a ausencia do facultativo. Engaden que os veciños están fartos dunha situación que non deixa de repetirse de forma habitual. "É un abandono total dá Atención Primaria", denuncia o rexedor.