O Concello insta a Cespa a retomar as negociacións para evitar a folga na recollida de lixo

Pontevedra
12 de decembro 2016

O Concello entende que se a empresa se nega a seguir negociando cos traballadores a folga prevista en Pontevedra deberíase a un "capricho" por parte da dirección de Cespa. O portavoz do goberno, Raimundo González, engadiu que sería unha "actitude de agresión" por parte da empresa contra o executivo local

Xunta de goberno do Concello de Pontevedra
Xunta de goberno do Concello de Pontevedra / Mónica Patxot

O goberno municipal dirixirase á empresa Cespa para instarlle a que retomen as negociacións cos seus traballadores para evitar a folga na recollida de lixo, convocada inicialmente polo persoal para o próximo Nadal ante a falta de acordo para o novo convenio colectivo.

O Concello entende que se a empresa se nega a seguir negociando cos traballadores a folga prevista en Pontevedra deberíase a un "capricho" por parte da dirección de Cespa. O portavoz do goberno, Raimundo González, engadiu que sería unha "actitude de agresión" por parte da empresa contra o executivo local.

Raimundo González entende que "terán que chegar a un acordo", especialmente ao manifestar ambas as partes que hai acordo en todos os puntos menos no recoñecemento da antigüidade, polo que "deberían" atopar puntos de encontro neste "punto de fricción".

"Entendemos que os cidadáns de Pontevedra non merecen que haxa unha folga en pleno Nadal", afirmou o portavoz do goberno municipal, para quen non sería "comprensible" que a empresa e os traballadores non retomasen as negociacións para poñer fin a este conflito laboral.

En todo caso, o edil do BNG advertiu que o Concello estará "vixiante" porque, a pesar de tratarse dun asunto entre a empresa e os seus traballadores, "non podemos permanecer ao marxe desta cuestión".

Por agora, o Concello non pensa adoptar outro tipo de medidas pero manteranse expectantes porque "en función de como vaia, iremos vendo".