O Concello oficializa a terceira prórroga do contrato do lixo

Pontevedra
12 de xuño 2017

A Xunta de Goberno aprobouno de forma definitiva, de tal modo que a empresa Ferrovial Servizos -antiga Cespa- seguirá encargándose ata o 9 de xuño de 2018. Optouse por manter o contrato actual mentres se implanta o novo sistema de tratamento de residuos orgánicos, baseado na compostaxe

Camión de recollida de lixo de Ferrovial Servicios Mónica Patxot

O contrato do lixo e limpeza viaria de Pontevedra xa está oficialmente prorrogado por un ano máis. No mes de marzo o goberno local xa anunciara que se realizaría esta terceira prórroga e a Xunta de Goberno deste luns aprobouno de forma definitiva, de tal modo que a empresa Ferrovial Servizos -antiga Cespa- seguirá encargándose ata o 9 de xuño de 2018.

O portavoz do goberno local, Raimundo González, confirmou a aprobación da prórroga á vez que explicaba que se optou por manter o contrato actual mentres se implanta o novo sistema de tratamento de residuos orgánicos, baseado na compostaxe, que puxo en marcha o Concello.

Respecto diso, explica que neste momento está en marcha terminar o plan de explotación do futuro contrato que haberá que aplicar co novo sistema e a contratación de persoal especializado para botar a andar o novo sistema e tamén está en proceso de contratación os composteiros comunitarios e estase tramitando a adquisición de composteiros individuais. Mentres se tramitan todas estas cuestións, prorrógase o contrato actual. 

O novo contrato deberá cubrir as necesidades do novo sistema, pero a súa aplicación é complexa, de modo que optaron por manter o contrato con Ferrovial Servizos mentres se implanta e tamén nos seus primeiros meses de uso. Nese tempo de convivencia do vello contrato e o novo sistema poderase valorar exactamente cal é o servizo que se necesita e como se deberá organizar para poder establecer as condicións do novo prego de contratación. 

Raimundo González explicou que as rutas de recollida de residuos non variarán, pero seguramente si a súa frecuencia e o seu custo, pois o lixo que estará nos colectores será diferente e a cantidade de residuos a recoller variará. Ademais, o persoal deberá asumir funcións diferentes e todo deberá establecerse antes de sacar a licitación o novo contrato. Prevese que se fará antes de xuño de 2018.