Os últimos cortes de luz en Pontevedra, que se producían nestes últimos días do mes de outubro, afectaban a máis de 1.500 clientes de Naturgy do centro da cidade, mentres nas parroquias tamén se seguen a rexistrar outras incidencias na subministración eléctrica. Este problema provoca "frustración e impotencia" no goberno local, así o manifestaba a portavoz Anabel Gulías este luns tras a xunta de goberno.
Ante esta situación que se veu repetindo ao longo dos últimos meses causando graves prexuízos aos usuarios, o Concello entende que resulta algo "inaceptable" e solicitará unha entrevista co conselleiro de Industria, Francisco Conde.
Gulías explicou que lle pedirán ao titular de Industria que tome medidas ante Naturgy, que estude a opción de abrir un expediente sancionador á empresa e que reclame ao Estado por estes cortes de luz. Desde o goberno de Pontevedra entenden que o problema afecta a outros Concellos. A portavoz municipal sinalou que hai varias alternativas de carácter estrutural, non local, que se poden adoptar para buscar solucións. Gulías indicaba este luns que a lei está elaborada polas propias empresas e, por este motivo, non acaban de resolverse as incidencias.
O goberno de Pontevedra mantivera un encontro coa dirección de Naturgy e os responsables da empresa garantían a reparación de tres quilómetros da rede e algúns centros transformadores. Con todo, os problemas continúan a rexistrarse ata o punto de que "empeora a situación".
CHARLAS PARA PRESENTAR RECLAMACIÓNS
O Concello de Pontevedra continuará convocando charlas informativas para trasladar aos usuarios as fórmulas para presentar reclamacións ante os cortes de luz e para informar sobre a factura.
Este martes 8, na Casa de Cultura de Monte Porreiro e tamén na de Lérez celebrarase unha sesión. O luns 14 será no Centro Leste e o venres 18, na Casa de Cultura de Campañó. Todas se desenvolverán a partir das 19.30 horas.