O alcalde, José Cela, acompañado da concelleira María José García Sueiro, acudiu ao colexio Santa Lucía para coñecer de primeira man as ensinanzas que lles trasladaron ao alumnado de Primaria sobre a importancia da reciclaxe e o coidado do medio ambiente.
O Concello organizou esta actividade para promocionar o servizo do punto limpo móbil que ten habilitado Moraña e que permite facer unha recollida selectiva de residuos que precisan dun tratamento especial.
Para promover estes bos hábitos entre os máis pequenos, o punto limpo quedará instalado no centro educativo durante esta semana.
José Cela lembrou que este venres é o Día da Reciclaxe "e por iso queríamos reforzar a súa celebración con esta campaña de concienciación entre os nenos e nenas, que son o futuro tamén do coidado do noso planeta".