O Concello propón ampliar en altura o Instituto Aquis Celenis

Umia
24 de setembro 2021

O alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, informou esta semana por escrito á Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia da solución atopada polo Concello para poder ampliar o I.E.S. Aquis Celenis de forma inmediata

José Manuel Rey, alcalde de Caldas de Reis Concello de Caldas de Reis

Nas reunións celebradas recentemente polo equipo de goberno coa arquitecta encargada de estudar a ampliación do Instituto Aquis Celenis, e co redactor do PXOM e os servizos técnicos de urbanismo do Concello, valorouse unha solución que permite a ampliación do Instituto en altura de forma directa, aproveitando toda a edificabilidade dispoñible actualmente, sen necesidade de adquirir ou expropiar outros terreos colindantes que teñen outras problemáticas que demorarían a construción. 

Nesta solución o Instituto podería incrementar a superficie en 2.000 metros cadrados, ampliando nunha altura os volumes existentes actualmente.

Por iso, o alcalde de Caldas de Reis, José Manuel Rey, considera que o tema está "desbloqueado" e urxe á Xunta á "rápida redacción do proxecto de ampliación e a consignación orzamentaria para a súa pronta execución".

O alcalde recorda que o proxecto de ampliación do Instituto e a impartición no mesmo de ciclos formativos de FP foi plantexado por el mesmo á Consellería de Educación no ano 2018 e que o pasado 19 de febreiro comunicou á Xunta diversas posibilidades urbanísticas para desenvolver a ampliación do Instituto.

José Manuel Rey confía que nesta ocasión a solución proposta polo Concello sexa aceptada pola Consellería e desenvolvida "sen máis demoras", xa que é unha necesidade "prioritaria" para a poboación de Caldas e da súa comarca.