Caldas ofrece colaboración á Xunta para facilitar a ampliación do IES Aquis Celenis

Umia
11 de xaneiro 2022

O alcalde xa solicitou os informes técnicos dos servizos municipais de Urbanismo e Intervención necesarios para poder formalizar a sinatura do convenio, e informou persoalmente á dirección do Instituto do contido do convenio

IES Aquis Celenis
IES Aquis Celenis / Concello de Caldas de Reis

O alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, informou este martes da recepción do borrador do convenio entre a Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia e o Concello de Caldas de Reis para a ampliación do Instituto Aquis Celenis.

O alcalde xa solicitou os informes técnicos dos servizos municipais de Urbanismo e Intervención necesarios para poder formalizar a sinatura do convenio, e informou persoalmente á dirección do Instituto do contido do convenio.

Manifestou a súa dispoñibilidade para asumir os compromisos plantexados no borrador do convenio, entre eles o outorgamento das licenzas de edificación correspondentes, sempre que as obras proxectadas cumpran as determinacións do planeamento urbanístico, e a bonificar o 95% da contía do imposto municipal de construcións, instalacións e obras.

O Concello tamén colaborará na disposición dos espazos para reubicar ao alumnado durante a execución das obras e a facilitar terreos para un aparcadoiro disuasorio na zona. Tamén está prevista a peonización do vial que transcorre entre o Instituto e o CPI Alfonso VII e a reurbanización dos accesos aos dous centros educativos para garantir mellor a seguridade do alumnado.

Pola súa parte, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade comprométese a licitar, supervisar e aprobar o proxecto básico e de execución para a obra de ampliación do Instituto e licitar a contratación para a execución da obra.

O convenio prevé que o convenio estea vixente ata a finalización de obras e, en todo caso, antes do 30 de setembro do 2024.

O alcalde celebrou que o borrador do convenio recolla as propostas realizadas dende o Concello e solicitará máis concrecións en relación ás necesidades de espazos alternativos para o alumnado durante a execución das obras, o programa detallado de usos previstos coa ampliación do edificio e as previsións sobre a oferta de ciclos de formación profesional que vén demandando o propio alcalde dende o ano 2018.

O alcalde destaca que a ampliación do Instituto Aquis Celenis "é unha necesidade fundamental para a xuventude e a sociedade de Caldas e da súa comarca e confiamos que, finalmente, será unha realidade que conseguiremos solucionar nesta lexislatura".