O martes asinarán o convenio para a ampliación do IES Aquis Celenis

Umia
18 de marzo 2022

Segundo informou este venres o alcalde Juan Manuel Rey, de acordo cos informes favorables dos servizos técnicos municipais, confía que "nesta ocasión a sinatura do convenio supoña que a Consellería inicie a licitación da redacción do proxecto básico e de execución para posteriormente licitar as propias obras"

O alcalde de Caldas, Juan Manuel Rey, visita o Aquis Celenis
O alcalde de Caldas, Juan Manuel Rey, visita o Aquis Celenis / Concello de Caldas de Reis

O próximo martes pola tarde firmarase o convenio entre a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e o Concello de Caldas de Reis para a ampliación do Instituto IES Aquis Celenis.

Segundo informou este venres o alcalde Juan Manuel Rey, de acordo cos informes favorables dos servizos técnicos municipais, confía que "nesta ocasión a sinatura do convenio supoña que a Consellería inicie a licitación da redacción do proxecto básico e de execución para posteriormente licitar as propias obras".

Rey asegurou que "esta é unha proposta que fixen á Consellería no ano 2018, polo que o Concello comprométese tamén agora a colaborar en todas as fases deste proxecto que permita a súa execución no prazo máis breve posible".

Neste senso, o Concello prevé bonificar o 95% do imposto municipal de construcións, instalacións e obras, e contribuirá a mellorar os accesos ao Instituto para garantir a seguridade do alumnado e a ampliar as zonas de aparcamento.

O alcalde celebrou que "nesta lexislatura quedará totalmente solucionado un proxecto esencial para a xuventude de Caldas e da súa comarca, xa que permitirá mellorar e ampliar a oferta educativa de Secundaria, Bacharelato e tamén de Formación Profesional".