O Concello recepciona os terreos cedidos pola Mancomunidade de Montes para construír o campo de fútbol de Salcedo

Pontevedra
02 de novembro 2020

A Xunta de Goberno aprobou este luns a recepción dos arredor de 14.800 metros cadrados de terreo situados nas inmediacións das instalacións da Brilat. Tino Fernández, tenente de alcalde, agarda que o permiso do Ministerio de Defensa e a sinatura do convenio coa Deputación se pechen en breve para crear este campo de herba sintética na parroquia

Proxecto do campo de fútbol de Salcedo
Proxecto do campo de fútbol de Salcedo / Concello de Pontevedra

A Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra aprobaba este luns a recepción de 14.800 metros cadrados de terreo, que a Mancomunidade de Montes de Salcedo cede para que se constrúa o campo de fútbol de herba sintética na parroquia, preto das instalacións da Brilat.

Desde a Concellería de Deportes, que dirixe Tino Fernández, tenente de alcalde, tamén se anuncia que xa conta coa autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (Aesa) para que se levanten as torres de iluminación deste campo de fútbol. Ademais, o arqueólogo municipal Xoán Carlos Castro tamén ofreceu un informe positivo conforme a que a obra non afecta os petróglifos que se atopan próximos a estes terreos que ocupará o campo. 

A  Lei  do Patrimonio Cultural de Galicia establece unha zona de protección de 200 metros para o caso da presenza de xacementos arqueolóxicos, como é o caso. O arqueólogo non considera necesaria a tramitación do proxecto de obra ante a Xefatura Territorial da Consellería de Cultura xa que só o ángulo noroeste estaría no límite da contorna do petróglifo máis próximo. Castro considera que o campo se situará nun espazo completamente alterado na súa topografía orixinal e sen interese desde o punto de vista do patrimonio cultural.

Tino Fernández espera que, nas próximas semanas, se reciba a autorización de Defensa e asinen o convenio coa Deputación de Pontevedra, que achegará unha subvención para un proxecto que conta cun orzamento base de licitación de máis de 1,6 millóns de euros.

Os terreos sobre os que se construirá o campo usábanse antigamente como campo de tiro, pero unha sentenza xudicial ditaminou que a titularidade destes terreos utilizados polo Ministerio de Defensa pertencía aos comuneiros de Salcedo.

O terreo de xogo previsto está deseñado polos arquitectos Jorge Santos, José Carlos Mera e Gustavo Pérez cunhas dimensións de 100x58 metros e será de herba artificial, con resposta deportiva correspondente ás máis altas prestacións homologadas pola FIFA. Contará tamén con catro vestiarios para xogadores, dous vestiarios para o equipo arbitral, almacéns e unha bancada elevada.