O novo campo de fútbol de Salcedo, que se construirá sobre terreos cedidos pola comunidade de montes, será un dos proxectos que o Concello impulse antes de que termine 2021.
A portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías, explicou que o expediente sairá a contratación por un importe de 1,13 millóns de euros, que serán financiados con cargo ao convenio coa Deputación de Pontevedra, e terá un prazo de execución de dez meses.
O proxecto deste campo foi deseñado polo estudo de arquitectura Santos e Mera, en colaboración co arquitecto Gustavo Pérez. Será un campo de herba artificial e que terá unhas dimensións de 100 por 58 metros.
Ademais, prevese a construción de varias edificacións para albergar catro vestiarios para os xogadores, dous vestiarios para os árbitros, almacéns e unha bancada elevada.
O Concello fará fincapé, á hora de contratar as obras, en lograr unha maior durabilidade do céspede, establecendo para eles parámetros comparables cos que esixe a FIFA para os terreos de xogo de altas prestacións.
Os trámites administrativos para construír este campo de fútbol, sinalou Gulías, víronse atrasados pola necesidade de solicitar varios informes sectoriais e polas dificultades asociadas pola pandemia da covid-19.