O proxecto de construción do novo campo de fútbol de Salcedo xa dispón de todos os permisos para iniciar as obras. A Consellería de Medio Rural acaba dar a última autorización que restaba e desde o Concello de Pontevedra iniciarán agora o procedemento de adxudicación das obras co obxectivo de poñelas en marcha este verán.
O prazo de execución das mesmas será de dez meses, "polo que o campo de fútbol de Salcedo debería poder estrearse na tempada 2022/2023", dixo o concelleiro de Deportes, Tino Fernández, sobre un proxecto que conta cun orzamento de 1,6 millóns de euros.
Os 14.800 metros cadrados de terreo situados nas inmediacións da Brilat foron cedidos en outubro ao Concello de Pontevedra por parte da Mancomunidade de Montes. A creación desta infraestrutura é froito dun convenio de colaboración coa Deputación, que otogará á administración municipal unha subvención polo custo total do proxecto.
Un dos trámites que tivo que superar o proxecto foi a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea para poder levantar as torres de iluminación que terán unha altura de 24,6 metros. Tamén conseguiu o visto e prace por parte do Ministerio de Defensa, a Consellería do Medio Rural e un informe positivo do arqueólogo municipal Xoán Carlos Castro pola existencia de petróglifos nas inmediacións da parcela.
O campo de fútbol de herba artificial de altas prestacións terá unhas dimensións de 100x58 metros. Ademais, o conxunto constará de novas edificacións que integrarán catro vestiarios para xogadores e dous, para árbitros; almacéns e unha bancada.