O Concello seguirá adiante co proxecto para sanear o Gafos que paralizou a Xunta

Pontevedra
31 de agosto 2015

Para facelo, intentará buscar o apoio económico da Deputación Provincial e, se non o logra, asumirao con fondos propios do Concello. Lores faralle a proposta a Carmela Silva nunha reunión entre finais da presente semana e a próxima. Non estaba previsto falar do asunto porque estaba en marcha o proxecto da Xunta de Galicia, pero, unha vez que a Administración autonómica o paralizou, si o incluirá

Río Gafos
Río Gafos / Mónica Patxot

O Goberno local de Pontevedra decidiu que seguirá adiante co proxecto de saneamento do río Gafos a pesar de que a Xunta de Galicia decidiu deixar sen efecto o convenio asinado para executar a actuación e paralizala. Para facelo, intentará buscar o apoio económico da Deputación Provincial de Pontevedra e, se non o logra, asumirao con fondos propios do Concello.

A decisión anunciouna este luns a concelleira de Urbanismo, Carme da Silva, que considera que se trata dunha obra "fundamental" para o Gafos, para Pontevedra e para o resto de municipios afectados polo colector, Vilaboa e Ponte Caldelas. "Augas de Galicia pode renunciar ao saneamento do río Gafos, pero o Concello de Pontevedra non o vai facer", sostén.

Segundo explicou, o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, ten pendente unha reunión coa presidenta da Deputación, Carmela Silva, que se celebrará entre finais da presente semana e a próxima. Nese encontro non estaba previsto falar do proxecto de saneamento do Gafos porque estaba en marcha o proxecto da Xunta de Galicia, pero, unha vez que a Administración autonómica o paralizou, si o incluirá na orde do día da reunión.

Carme da Silva critica a actuación de Augas de Galicia neste aspecto, pois ao resolver o convenio como acaban de facer "efectivizan a decisión que xa teñen tomada dende o ano 2011 de non executala". Na súa opinión, nos últimos catro anos foron buscando "escusas" e, agora que "se lle remataron as escusas" e que esta semana se remata o período de exposición pública do proxecto, adoptaron xa a decisión definitiva.

 A Xunta comunicou a decisión vía fax ás 17.00 horas do venres, cando a noticia xa fora enviada aos medios

Así, a concelleira recorda que a obra estaba adxudicada á empresa Copasa, pero en 2011 rescindiuse o contrato e, dende entón, sucedéronse diversas reunións e en decembro de 2013 mesmo propuxeron un proxecto de mini depuradoras que foi rexeitado polos veciños e o Concello. Finalmente, o Concello asumiu a redacción do proxecto e teno a exposición pública.

Fronte a este relato de feitos que recorda Carme da Silva, a Xunta mantén que decidiu deixar sen efecto o convenio como consecuencia do "reiterado incumprimento" dos compromisos municipais necesarios para a execución das obras. A concelleira responde a este argumento que todos os atrasos acumulados foron responsabilidade de Augas de Galicia e que, de feito, a única documentación que falta actualmente é a autorización que debería dar ese departamento autonómico especificando que parte do trazado afecta a terreos de dominio público-hidráulico.

Nunha comparecencia ante os medios, a concelleira botou en cara á Xunta de Galicia a forma en que deu a coñecer a decisión de paralizar o convenio, pois se comunicou vía fax ás 17.00 horas do venres, cando a noticia xa fora enviada aos medios de comunicación pasadas as 15.00 horas, isto é, case unha hora antes. "A relación entre administracións non debe ser así", opina, e engade que, en canto aos motivos alegados pola Administración autonómica, "atribuírlle ao concello todos estes atrasos forma parte do delirio na relación entre administracións".