O conflito de ENCE 'cóase' na saída de La Vuelta a España en Sanxenxo

Sanxenxo
04 de setembro 2021

La Vuelta a España non tivo unha saída tranquila na etapa que este sábado arrancaba desde Sanxenxo. Os traballadores de Ence, convocados pola sección sindical de Comisións Obreiras, aproveitaron o paso da caravana ciclista para dar visibilidade ao seu conflito

Protesta dos traballadores de ENCE na saída de La Vuelta en Sanxenxo Mónica Patxot

La Vuelta a España non tivo unha saída tranquila na etapa que este sábado arrancaba desde Sanxenxo. Os traballadores de Ence, convocados pola sección sindical de Comisións Obreiras, aproveitaron o paso da caravana ciclista para dar visibilidade ao seu conflito.

Preto de medio centenar de traballadores chegaron a Sanxenxo sobre as dez da mañá, case dúas horas antes da saída da carreira. Reuníronse nas inmediacións da Igrexa Nova, coa intención de acudir ata o porto deportivo e tratar de atrasar a saída da proba.

Ana Cedeira, presidenta do comité de empresa das oficinas de Ence, foi a encargada de explicar aos axentes da Garda Civil que, aproveitando a presenza en Sanxenxo de medios nacionais e internacionais, "queremos que se nos vexa".

"Queremos que a ministra para a Transición Ecolóxica se digne a vir a Pontevedra e a ter unha reunión con nós", asegurou Cedeira, ao entender que "é a única solución que temos agora os traballadores".

Os manifestantes pretendían atrasar a saída de La Vuelta "media hora ou 45 minutos" cunha sentada e, a partir de aí, garantían que "non imos facer nada máis" e que, en todo caso, "non imos interromper nada cando estean xa andando".

"Pasado ese tempo imos e xa está", engadía a presidenta do comité. Pero sen éxito. As autoridades foron moi claras. "Non pode ser nin dous segundos", explicáronlles os axentes.

A opción que lles autorizaron, segundo os traballadores, é poder dar visibilidade ao seu conflito no arranque da etapa, pero sen provocar demoras na saída. Con esa idea, os traballadores encamiñáronse cara o paseo de Silgar, punto de inicio da etapa.

Pero ao chegar, a Policía Nacional blindou os accesos ao percorrido e advertiulles que habería importantes sancións económicas se impedían o paso da carreira. Só lles quedou elevar as súas pancartas, nas que se podía ler "Sánchez escoita, Ence está en loita", e berrar as súas consignas.

Houbo un segundo intento por facerse ver no medio da caravana de La Vuelta, xa que tras o paso do pelotón, que ía coa saída neutralizada, gran parte dos traballadores subiron ata a rúa Progreso para continuar coas súas protestas. Iso si, sen interromper o paso dos ciclistas.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora