O conselleiro de Cultura recibirá a insignia de ouro dos Amigos do Camiño Portugués

Pontevedra
05 de outubro 2020

A elección de Román Rodríguez débese ao agradecemento que os membros da asociación lle queren manifestar polo seu apoio na ampliación do albergue "Virxe Peregrina", que a asociación vén xestionando desde o Ano Santo de 1999

Román Rodríguez, conselleiro de Cultura Mónica Patxot

A asemblea xeral da Asociación das Amigas e Amigos do Camiño Portugués a Santiago decidía este verán facer entrega a Román Rodríguez González, conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, da insignia de ouro da asociación.

Debido á situación sanitaria, o acto de entrega foise demorando ata que desde a asociación pontevedresa se decidiron a poñer data, susceptible de cambios en función da evolución da pandemia.

O acto de imposición celebrarase o próximo 23 de outubro no Salón Nobre do Liceo Casino de Pontevedra.

A elección de Román Rodríguez débese ao agradecemento que os membros da asociación lle queren manifestar polo seu apoio na ampliación do albergue "Virxe Peregrina", que a asociación vén xestionando desde o Ano Santo de 1999.

A entrega desta insignia é a antesala dun Ano Xacobeo, o de 2021, que se presenta cheo de incerteza pola evolución da pandemia. Precisamente o conselleiro agradecía mediante carta este recoñecemento manifestando que "estamos a traballar arreo polo coidado e promoción do Camiño de Santiago, coas miras postas no vindeiro Ano Santo 2021".

Así mesmo, Román Rodríguez eloxiaba o labor das Amigas e Amigos do Camiño Portugués a Santiago: "quero resaltar que representades a pé de Camiño a mellor embaixada de Galicia e da peregrinación xacobea, xa que tras un longo traxecto sodes a cara amable que recibe aos peregrinos, unha vez rematado cada treito".