Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade, visitaba este mércores o Hospital do Salnés para destacar o labor das resonancias magnéticas móbiles que o Sergas está a trasladar a determinados centros hospitalarios de Galicia.
Este equipo permanecerá no Hospital do Salnés ata o martes 23 de xaneiro, tras a súa chegada o 12 deste mesmo mes.
Estas unidades móbiles desprázanse cada mes ata os sete hospitais comarcais públicos galegos. Con esta medida, segundo o conselleiro, quérese garantir a igualdade asistencial para as persoas que residen lonxe dos centros de referencia.
Desta maneira, segundo García Comesaña, afórranse miles de quilómetros de desprazamento e redúcese o custo económico e social que supoñen os traslados para someterse a estas probas. O conselleiro agradeceu o traballo que realiza o persoal destes equipos móbiles.
As resonancias magnéticas permiten obter imaxes anatómicas dos órganos internos do corpo e estudar diversos procesos fisiolóxicos, ademais de cuantificar os metabolitos presentes nun tecido. O sistema non utiliza radiciones ionizantes, como si sucede nos raios X, que ofrece un potencial prexuízo para a saúde. Funcionan a través de radiofrecuencias empregando unha técnica inocua.
O conselleiro estivo acompañado por Agustín Reguera, delegado territorial da Xunta de Galicia; José Flores, xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés; Encarnación Lucas Bermejo, nova directora do distrito sanitario do Salnés; e Rocío Mosquera, ex conselleira de Sanidade e xerente de Galaria, empresa pública de servizos sanitarios.
García Comesaña, durante a visita, indicou que o pico máximo da gripe en Galicia xa foi superado. Advertiu da posibilidade de que se rexistren repuntas nas vindeiras semanas pero quixo tranquilizar a poboación afirmando que, na actualidade, hai camas nos centros hospitalarios da área sanitaria para acoller ingresos de pacientes con problemas respiratorios.